As axudas escolares de Neda amplían o límite de renda ata os 900 euros mensuais por persoa

FerrolXa
O Concello eleva o limiar económico para acceder ás subvencións destinadas a libros e material didáctico, que contan cun orzamento de 4.000 euros
NEDA neno colexio xenérica
13 Nov 2026

As familias con fillos en idade escolar poderán solicitar as axudas municipais para a compra de libros de texto e material didáctico complementario do curso 2026-2027. A principal novidade desta convocatoria é o aumento do límite de renda para acceder ás subvencións, que pasa de 400 a 900 euros mensuais por persoa, unha modificación coa que o Concello de Neda pretende ampliar o número de fogares beneficiarios.

As axudas están dirixidas a familias empadroadas no municipio e ao corrente das súas obrigas tributarias municipais. Os menores para os que se solicite a subvención deberán estar matriculados en centros sostidos con fondos públicos e cursar Educación Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato ou Formación Profesional. Quedan excluídos os estudos universitarios.

A subvención permitirá cubrir gastos de libros de texto e material didáctico complementario, como artigos de papelería, mochilas e estoxos. As familias solicitantes non poderán ter recibido outra axuda pública para adquirir eses mesmos produtos.

Os Servizos Sociais municipais encargaranse de estudar e valorar as solicitudes. A convocatoria dará prioridade ás familias con menores ingresos e a aquelas que teñan máis fillos ao seu cargo. O orzamento reservado polo Concello para esta liña de apoio ascende a 4.000 euros.

O prazo para presentar as solicitudes e a documentación necesaria no rexistro municipal permanecerá aberto ata o vindeiro 1 de decembro.

0.18805909156799