As contas municipais de Ferrol pechan 2025 con 161 millóns de euros de patrimonio neto

As contas municipais de 2025 deixan un patrimonio neto de 161.105.700,19 euros, aproximadamente 7 millóns máis que no exercicio anterior. Así o recolle a Conta Xeral aprobada este xoves polo Pleno do Concello de Ferrol, cos votos a favor do Goberno local e en contra dos grupos municipais do PSOE, BNG e FeC.
A concelleira de Facenda, Susana Sanjurjo, explicou durante a sesión que a Conta Xeral recolle o conxunto das operacións económicas e patrimoniais realizadas durante o exercicio 2025.
O total do activo e do pasivo ascendeu aos 191 millóns de euros, fronte aos 183 millóns do ano anterior. Pola súa banda, o saldo neto da conta do resultado económico-patrimonial representa un aforro de 7 millóns de euros.
Outro dos datos destacados polo Goberno local é o relativo á contratación pública. Segundo os datos presentados por Sanjurjo, o 92 % dos procedementos correspondentes a contratos maiores realizados durante 2025 empregaron o procedemento aberto.
A responsable de Facenda tamén informou sobre a evolución dos reparos. O seu importe situouse en 11 millóns de euros durante 2025, fronte aos 32 millóns rexistrados no período de referencia do anterior Goberno municipal, segundo os datos expostos durante o Pleno.
39 millóns de euros executados no primeiro semestre
A sesión tamén incluíu información sobre a execución orzamentaria correspondente ao segundo trimestre de 2026. Durante o primeiro semestre executáronse 39 millóns de euros, fronte aos 13 millóns contabilizados no primeiro trimestre.
No caso do capítulo 6, correspondente aos investimentos, a execución alcanzou os 4 millóns de euros durante os seis primeiros meses do ano. Segundo Sanjurjo, esta cifra supón un incremento do 900 % respecto ao primeiro trimestre.
A concelleira comparou tamén a execución acumulada durante o actual mandato coa do anterior. Segundo os datos achegados polo Goberno local, nos catro anos do mandato anterior executáronse 233 millóns de euros, mentres que o actual Goberno acumula 277 millóns en tres anos.
No apartado específico dos investimentos, a execución do capítulo 6 pasou dos 17 millóns de euros do mandato anterior aos máis de 32 millóns acumulados polo actual Goberno nos seus tres primeiros anos.
San Xiao e Chamorro, festivos locais de 2027
O Pleno aprobou tamén os dous festivos locais do municipio para 2027. Serán o 7 de xaneiro, festividade de San Xiao, e o 29 de marzo, Luns de Pascua, coincidindo coa festividade de Chamorro.
Por último, a Corporación municipal aprobou unha declaración institucional de condena polos actos vandálicos rexistrados recentemente contra a sede da Cruz Vermella na cidade.
O Concello trasladou a súa solidariedade e apoio á entidade, ao seu persoal e ao voluntariado, e recoñeceu o labor que desenvolve de maneira continuada na sociedade ferrolá.