As EDLP financian un proxecto da asociación ASCM para preservar o patrimonio marítimo pesqueiro de Valdoviño

FerrolXa
A delegada de Ferrol, Martina Aneiros, foi a encargada de dar hoxe a benvida aos voluntarios da entidade social que iniciaron as sesións formativas no local social de Aviño
asociacion-ascm-valdovino
19 Oct 2026

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, deu a benvida esta mañá no local social de Aviño, en Valdoviño, aos participantes nunhas xornadas formativas organizadas pola asociación cultural ASCM no marco do proxecto Maris: memoria, arte, rede e inclusión, un dos proxectos beneficiarios dos apoios da Consellería do Mar, despregados a través das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) e coa colaboración do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) A Mariña-Ortegal.

As xornadas, centradas no coñecemento do patrimonio cultural marítimo-pesqueiro, con especial atención aos oficios tradicionais do mar, á cultura mariñeira, á memoria oral e á identidade costeira do territorio GALP A Mariña-Ortegal, están dirixidas a persoas con e sen discapacidade pertencentes ao grupo de voluntariado inclusivo da ASCM. Terán unha duración de 35 horas repartidas en diferentes sesións.

O proxecto Maris: memoria, arte, rede e inclusión que recibiu unha achega autonómica de 12.500 euros para tres anualidades -2026, 2027 e 2028- estrutúrase en tres fases. Nunha primeira etapa impartiranse sesións formativas como a que hoxe arrincou en Valdoviño. Posteriormente levaranse a cabo encontros interxeracionais para recompilar e conservar a memoria oral vinculada ao mar, recollendo testemuños, cantigas, refráns e vivencias que forman parte do patrimonio inmaterial do territorio. Os contidos obtidos servirán de base para a creación e representación dunha obra de teatro inclusiva protagonizada polos participantes. O proxecto completarase con actividades de promoción e sensibilización, incluíndo eventos con degustación de produtos pesqueiros locais.

Aneiros puxo en valor o proxecto que “une dúas cuestións fundamentais: a conservación dunha parte moi importante da nosa historia e da nosa identidade, como é a cultura vinculada ao mar e, pola outra, a inclusión e a participación”, dixo, e felicitou á asociación ASMC pola iniciativa.

Lembrou ademais que a última convocatoria das axudas destinadas ás Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDPL), cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca, e de Acuicultura (Fempa), contou cun orzamento de 10,3 M€ para as anualidades 2026-2027-2028.

0.17800307273865