As festas de Santa Marta trasladan o mercado semanal a outra rúa en Ortigueira

A celebración das festas de Santa Marta obrigará este xoves, 30 de xullo, a modificar a localización habitual do mercado semanal de Ortigueira. O Concello informou de que os postos se instalarán de forma excepcional na avenida Juan Luis Pía Martínez.
Para facilitar a montaxe do mercado e garantir o normal desenvolvemento da actividade, estará prohibido estacionar vehículos nesta vía durante a xornada. O Concello agradeceu a colaboración da veciñanza e pediu comprensión polas molestias que poida ocasionar este cambio temporal.
A modificación coincide coa celebración das festas patronais de Santa Marta, que se desenvolven entre o 27 e o 31 de xullo e inclúen un amplo programa de actividades relixiosas, culturais e musicais. A xornada deste xoves estará marcada pola misa solemne e a procesión na honra da Caridade do Cobre, ademais do Día do Neno, pensado especialmente para o público infantil, e dunha nova verbena nocturna na Alameda coa actuación de Década Prodigiosa e a Disco Móbil Chocolate.
As festas concluirán o venres co tradicional Día da Xira, que contará con animación musical en Morouzos e novas actuacións na vila, poñendo o broche final a cinco días de celebracións que cada ano reúnen a centos de veciños e visitantes.