As mariscadoras da ría de Cedeira trasladarán as súas reivindicacións á Xunta este xoves

FerrolXa
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro recibirá o día 12 en Santiago as representantes do colectivo, que atravesa unha crise de produtividade desde 2024
CEDEIRA reunion mariscadoras
9 Nov 2026

As representantes das mariscadoras da ría de Cedeira reuniranse este xoves, 12 de novembro, coa directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, María de los Ángeles Vázquez Suárez, para expoñerlle a grave situación que atravesa o colectivo pola falta de recurso nos bancos marisqueiros.

O encontro terá lugar en Santiago de Compostela e foi convocado polo departamento autonómico tras as reivindicacións trasladadas polas traballadoras, que reclaman medidas para recuperar os bancos da ría e garantir o futuro da actividade. Ademais, piden solucións inmediatas que permitan asegurar a viabilidade económica das mariscadoras mentres non se recupera a produtividade.

A reunión chega despois dun novo encontro de traballo celebrado este luns no Concello de Cedeira, no que participaron representantes dos gobernos municipais de Cedeira e Valdoviño e da Confraría de Pescadores. Ambas as administracións locais apoian as demandas do colectivo.

A crise dos bancos marisqueiros comezou en 2024 e, segundo se expuxo na reunión, foi empeorando desde entón, con recuperacións puntuais, ata chegar á situación actual, marcada pola ausencia de produtividade.

Na xuntanza participaron os alcaldes de Cedeira e Valdoviño, Pablo Diego Moreda Gil e Alberto González Fernández; a primeira tenente de alcalde de Cedeira, María Xosé Pernas Díaz; a concelleira Carmela Prieto; e representantes da Confraría, entre eles a presidenta da agrupación de mariscadoras, Susana Bellón, e o patrón maior, Ricardo Villar.

Á reunión deste xoves están convocadas as representantes das mariscadoras da ría de Cedeira e da Confraría de Pescadores.

0.16507482528687