As novas butacas do auditorio de Valdoviño xa comezan a cambiar o aspecto da Casa da Cultura

O auditorio da Casa da Cultura de Valdoviño xa comeza a amosar a nova imaxe que terá tras a renovación do seu patio de butacas. Os traballos avanzan a bo ritmo e estes días xa se poden apreciar os primeiros asentos retapizados, nunha actuación que se está a executar de maneira progresiva para non interferir na programación cultural do espazo.
O Concello contratou os traballos cun profesional da zona especializado neste tipo de intervencións, que está a realizar o retapizado de maneira completamente artesanal e butaca a butaca. O proceso require retirar e renovar os tecidos dos asentos de forma individual, polo que a actuación se está desenvolvendo por fases.
Para manter o auditorio dispoñible mentres se executan os traballos, a intervención está a realizarse cada dúas filas, de maneira que o resto dos asentos poidan continuar utilizándose durante as actividades programadas na Casa da Cultura.
Unha renovación tras catro décadas de uso
A renovación dos asentos forma parte dunha intervención máis ampla de mellora do equipamento do auditorio. O Concello aproveitou a actuación para incorporar tamén un novo equipo de son e altofalantes, así como unha pantalla LED con soporte para presentacións, co obxectivo de actualizar os medios técnicos dispoñibles para as actividades culturais.
O investimento conxunto achégase aos 20.000 euros, financiados integramente con fondos propios municipais.
A renovación permitirá así mellorar tanto o aspecto do auditorio como as condicións de uso do espazo, ao tempo que se actualiza parte do equipamento técnico empregado nas actividades que acolle a Casa da Cultura.