As obras das beirarrúas de Álvaro Paradela avanzan cun investimento de 172.000 euros

As obras de construción dunha beirarrúa na rúa Álvaro Paradela avanzan estes días cun investimento de preto de 172.000 euros na súa primeira fase. A intervención permitirá dotar de infraestrutura peonil un tramo que carecía de beirarrúas e que soporta diariamente unha considerable circulación de vehículos e peóns, especialmente pola súa proximidade a un dos institutos da cidade.
Os traballos están a desenvolverse nos primeiros 200 metros da rúa Álvaro Paradela, desde o polígono das Lagoas en dirección á estrada de Castela. A zona permanece actualmente con restricións ao tráfico rodado, permitindo unicamente o paso das persoas residentes, tal e como recolle a sinalización instalada.
A actuación contempla, ademais da construción da beirarrúa, a execución das preinstalacións necesarias para as redes de subministración existentes na zona ou pendentes de instalar, así como a colocación dunha rede para a recollida de augas pluviais.
A alcaldesa, Marián Ferreiro, destacou que esta intervención permitirá mellorar a seguridade nun tramo peonil que carecía de beirarrúas e que presenta un importante volume de circulación, tanto rodada como peonil.
Ferreiro subliñou tamén que o Concello continúa traballando na mellora da accesibilidade das vías municipais, destinando recursos a este tipo de actuacións para avanzar cara a unha cidade máis accesible e segura.