As oficinas de turismo de Ferrol rexistran un aumento do 41% nos visitantes atendidos en setembro

A concelleira de Turismo, Maica García, informou do balance de visitantes atendidos durante o mes de setembro nas oficinas de turismo da Praza de España e do Porto.
Os datos confirman a evolución positiva da actividade turística en Ferrol durante a tempada estival, favorecida tamén polas boas condicións meteorolóxicas, que contribuíron a prolongar a afluencia de visitantes máis alá dos meses centrais do verán. A tendencia reflicte un aumento da presenza de peregrinos, unha maior demanda de información turística e un crecemento significativo das pernoctas na cidade.
Na Oficina Municipal de Información Turística (OMIT) da praza de España foron atendidas 1.876 persoas atendidas, fronte ás 1.335 do mesmo mes de 2025, reflicten un importante incremento da demanda de información turística.
A evolución rexistrada durante setembro dá continuidade á tendencia observada nos meses anteriores, marcada por unha maior afluencia de visitantes, o incremento da presenza de peregrinos e un crecemento significativo das pernoctas.
A procedencia nacional continúa a ter un peso maioritario entre as persoas atendidas nesta oficina. Gardía revelou que das 1.876 persoas rexistradas, 1.383 procedían de distintos puntos de España, o que representa o 73,72 % do total. Pola súa banda, 493 eran visitantes internacionais, equivalentes ao 26,28 %.
Dentro do mercado nacional, Galicia ocupa a primeira posición, cun 15,30 %, seguida de Castela e León, cun 12,47 %, e da Comunidade de Madrid, cun 12,05 %. A continuación sitúanse a Comunidade Valenciana e Asturias.
No ámbito internacional destaca o Reino Unido, que representa o 28,75 % dos visitantes estranxeiros atendidos, seguido de Francia, cun 13,13 %; Estados Unidos, cun 8,75 %; Alemaña, cun 7,92 % e Italia, tamén cun 7,92 %.
A presenza destes mercados reforza a dimensión internacional da actividade turística de Ferrol e pon de manifesto a diversidade das procedencias, cun protagonismo destacado dos países europeos e unha presenza significativa de visitantes estadounidenses. Ademais, durante o mes de setembro recibíronse visitantes procedentes de lugares tan diversos como Aruba, Panamá e Hong Kong.
O perfil das persoas atendidas durante setembro amosa unha presenza destacada de visitantes adultos e sénior, cun interese especial polos recursos patrimoniais, históricos e culturais de Ferrol.
O patrimonio e os museos volven situarse entre os principais motivos de consulta na oficina de turismo. O patrimonio concentra o 62,42 % das consultas, mentres que os museos representan o 58,32 %. A continuación sitúanse a natureza e as praias, cun 9,54 %, e Ferrolterra, cun 6,77 %.
Un dos datos máis salientables do balance de setembro é o incremento das pernoctas. “Durante este mes rexistráronse 906, fronte ás 614 contabilizadas en setembro de 2025. Isto supón un aumento do 47,56 %, superior ao crecemento experimentado polo número de persoas atendidas na oficina”, revelou a concelleira.
Este dato resulta especialmente positivo, xa que apunta non só a unha maior afluencia de visitantes, senón tamén a unha evolución favorable das estadías turísticas na cidade.
A Oficina Municipal de Información Turística de Porto-Curuxeiras atendeu un total de 2.852 persoas durante o mes de setembro, cun perfil de visitantes marcado polo protagonismo do Camiño Inglés e pola importante presenza de turistas internacionais.
Do total de persoas atendidas, 1.069 eran turistas nacionais, o que representa o 37,50 %; 1.627 eran visitantes internacionais, equivalentes ao 57,07 %; e 155 eran visitantes locais, que supoñen o 5,44 %.
Entre os visitantes nacionais destacan as persoas procedentes de Madrid, Andalucía e Cataluña, seguidas da Comunidade Valenciana, Canarias e Galicia. Estes territorios concentran o 78,20 % do total de visitantes nacionais atendidos na oficina.
No ámbito internacional, Estados Unidos encabeza a clasificación, cun 16,90 % dos visitantes estranxeiros, seguido do Reino Unido, Italia, Alemaña e Portugal. Estes cinco países representan conxuntamente o 58,26 % do total de visitantes internacionais. Unha parte importante destas persoas son peregrinas que se achegan a Ferrol para iniciar o Camiño Inglés.
En canto á idade, o grupo predominante é o comprendido entre os 31 e os 60 anos, que representa o 55,24 %. As persoas maiores de 60 anos supoñen o 31,60 %, mentres que os menores de 30 anos representan o 13,15 %.
O Camiño Inglés é o principal motivo de consulta na oficina de Porto-Curuxeiras. O 92,53 % dos turistas atendidos son peregrinos, fronte ao 7,47 % que acode por un interese xeral no patrimonio e nos atractivos da cidade.
Entre as persoas que visitan Ferrol por motivos turísticos, ademais do interese polo Camiño Inglés, destacan as consultas relacionadas co turismo cultural, a gastronomía, a natureza e as praias. Tamén se aprecia un interese significativo polo patrimonio militar e naval, un dos elementos singulares da identidade histórica da cidade.
A duración da estadía varía segundo o perfil do visitante. A maioría dos peregrinos pasa unha soa noite en Ferrol ou inicia o Camiño tras chegar á cidade. Porén, obsérvase tamén unha tendencia crecente a prolongar a estadía ata dúas noites para coñecer mellor o patrimonio e os atractivos locais.
Outro aspecto destacable é o aumento das persoas que viaxan coas súas mascotas. Neste sentido, a oficina de Porto-Curuxeiras ofrece información sobre a credencial canina para os peregrinos que realizan o Camiño acompañados dos seus cans.
O carácter internacional do Camiño Inglés queda tamén reflectido na diversidade das procedencias rexistradas durante setembro, con peregrinos chegados de lugares tan diversos como Xeorxia, Macedonia do Norte, San Marino, Hong Kong e Israel.
García afirmou que “estes datos confirman o papel estratéxico da oficina de Porto-Curuxeiras como punto de acollida e información para os peregrinos do Camiño Inglés e como porta de entrada para descubrir a oferta cultural, patrimonial, gastronómica e natural de Ferrol”.
Ademais a concelleira aproveitou para avanzar que o Castelo de San Felipe adaptará o seu horario de apertura ao público con motivo da redución das horas de luz natural e da entrada en vigor do horario de inverno.
A partir do domingo 25 de outubro de 2026, o horario de apertura será continuo, de 10.00 a 18.00 horas, sen peche ao mediodía.