As oito capelas de San Sadurniño ilustran as postais de Nadal deste ano

As oito capelas repartidas polas parroquias de San Sadurniño serán as protagonistas do agasallo institucional deste Nadal. O Concello encargou á acuarelista Blanca Escrigas unha nova colección de postais ilustradas que permitirá felicitar as festas cunha pequena mostra do patrimonio arquitectónico e paisaxístico do municipio.
A iniciativa dá continuidade á colección do ano pasado, dedicada ás sete igrexas parroquiais. Nesta ocasión, a artista valdoviñesa centrouse na capela do Belén, en San Sadurniño; a de Santa Mariña, en Naraío; a da Esperanza, en Santa Mariña do Monte; as de San Cristovo da Portela e San Cristovo de Ferreira; a de San Marcos de Amido; a de San Estevo do Camiño Arriba e a de Santiago de Silvalonga.
Trátase de oito pequenas construcións relixiosas con características arquitectónicas diferentes e vinculadas, en moitos casos, a tradicións, romarías e celebracións populares. A través das súas ilustracións, Escrigas ofrece unha mirada persoal sobre estes espazos e o seu papel na identidade das distintas parroquias.
Acuarela, tinta e collage para retratar o patrimonio
A artista afástase dunha representación fiel e realista dos edificios para construír composicións máis libres, nas que mestura acuarela, trazos de tinta e recursos propios do collage. As liñas irregulares, as manchas de cor, as anotacións manuscritas e as texturas que evocan papeis recortados ou rachados dan personalidade a cada postal, mantendo unha estética común en toda a colección.
As ilustracións non se centran unicamente nas capelas, senón que tamén incorporan elementos da paisaxe que as rodea. Árbores, camiños, prados e cruceiros conviven con detalles cotiáns do territorio, como postes e cables eléctricos ou estruturas reutilizadas como bebedoiros para o gando. A combinación de cores da pedra, os brancos das fachadas e os verdes, azuis e ocres contribúe a reflectir a paisaxe local sen idealizala.
A colección pretende tamén chamar a atención sobre estas construcións, que forman parte da vida diaria da veciñanza e que ás veces pasan desapercibidas precisamente pola súa proximidade. As capelas gardan historias de devoción, encontros e costumes transmitidos entre xeracións, algunhas delas recollidas no proxecto de memoria colectiva 'Fálame de San Sadurniño'.
1.600 postais gratuítas desde primeiros de decembro
As obras están actualmente en fase de preparación para a impresión. O proceso inclúe a dixitalización dos orixinais e a adaptación dos deseños ao formato postal normalizado de Correos. O Concello editará 200 exemplares de cada ilustración, ata completar unha tirada de 1.600 postais.
A impresión realizarase sobre papel rugoso de alta gramaxe, cun especial coidado na reprodución das cores para conservar, na medida do posible, a textura e o acabado das obras orixinais.
As postais poderán recollerse de balde desde primeiros de decembro na Casa da Cultura e nas oficinas municipais. A veciñanza poderá gardalas como recordo ou empregalas para recuperar o costume de felicitar as festas cunha mensaxe escrita a man.