As Pontes acollerá o Campionato de España de IPSC na modalidade Handgun

As Pontes de García Rodríguez converterase entre os días 3 e 6 de setembro no punto de encontro do Campionato de España de IPSC 2026 na modalidade Handgun, unha importante competición deportiva que reunirá na localidade participantes chegados de diferentes puntos do país.
A cita, organizada coa colaboración do Concello das Pontes de García Rodríguez, a Real Federación Española de Tiro Olímpico e a Sociedade Deportiva Pena da Revolta, permitirá achegar á localidade o mellor da modalidade IPSC e poñer en valor a súa capacidade para acoller eventos deportivos de ámbito estatal.
Durante catro xornadas, As Pontes será escenario das diferentes probas desta competición, que combina precisión, velocidade e habilidade por parte dos participantes. O campionato desenvolverase no municipio desde o xoves 3 ata o domingo 6 de setembro.
Desde o Concello destacan a importancia de acoller unha cita destas características, tanto polo interese deportivo da competición como pola oportunidade de mostrar a capacidade organizativa da localidade para recibir eventos de nivel nacional.
O Campionato de España de IPSC Handgun 2026 está chamado así a converter As Pontes nun dos focos deportivos da fin de semana, cunha programación que permitirá aos afeccionados achegarse a esta modalidade e seguir de preto unha competición na que participarán deportistas de todo o país.