As rutas de Respira Cedeira mostrarán en novembro o patrimonio e a identidade mariñeira da vila

FerrolXa
O programa ofrece catro saídas guiadas os días 5, 6, 7 e 8 de novembro para descubrir a historia, a cultura e a relación co mar. As actividades son gratuítas e contan con prazas limitadas
CEDEIRA rutas respira
30 Oct 2026

O Concello abriu o prazo de inscrición para participar nas novas rutas tematizadas do programa 'Respira Cedeira', unha iniciativa que busca poñer en valor os recursos naturais, culturais e patrimoniais do municipio a través de experiencias guiadas que favorecen o coñecemento do territorio e a sensibilización ambiental e patrimonial.

Nesta nova fase, a programación céntrase no patrimonio marítimo e na identidade mariñeira da vila, cunha proposta de percorridos que permitirá achegarse a espazos vinculados á actividade pesqueira, á historia local e á estreita relación da súa poboación co mar.

A programación inclúe dúas rutas diferentes, cada unha con dúas datas para facilitar a participación das persoas interesadas. A primeira, 'Porto e Castro Sarridal', desenvolverase o xoves 5 e o venres 6 de novembro, ás 16:30 horas. O percorrido, duns dous quilómetros e de dificultade baixa, terá como punto de encontro a praia de Area Longa, na contorna do porto. A actividade permitirá descubrir o valor histórico e patrimonial deste espazo e a súa relación coa evolución do territorio.

A segunda proposta, 'Cedeira Mariñeira', terá lugar o sábado 7 e o domingo 8 de novembro, ás 11:00 horas, con saída desde a praza da Marieta. Trátase dun percorrido duns cinco quilómetros e de dificultade baixa, pensado para achegarse á identidade mariñeira da vila e aos espazos relacionados coa actividade pesqueira e a memoria do mar.

As catro saídas son gratuítas e contan con prazas limitadas, polo que é necesario realizar unha inscrición previa a través do formulario habilitado pola organización. As persoas interesadas poden seleccionar unha ou varias datas ao cubrir a solicitude. A reserva quedará pendente de confirmación, que se comunicará por correo electrónico nun prazo máximo de 24 horas. No caso de que as prazas estean completas, informarase da inclusión na lista de espera.

Con esta nova proposta, 'Respira Cedeira' continúa promovendo o descubrimento e a posta en valor dos recursos do municipio, ofrecendo experiencias que permiten coñecer o territorio desde diferentes perspectivas e reforzar o vínculo da cidadanía co seu patrimonio. As rutas contribúen tamén a visibilizar a importancia histórica, social e económica do mar na configuración da identidade local e a transmitir este legado ás novas xeracións.

O programa está organizado polo Concello co financiamento do GALP A Mariña-Ortegal.

As persoas interesadas poden realizar a inscrición a través do formulario 'Inscricións rutas mariñeiras Respira Cedeira'.

O programa de rutas enmárcase no proxecto 'Respira Cedeira: Descubrindo a riqueza do litoral a través dun programa de rutas tematizadas'. A iniciativa está financiada pola Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).

0.16425895690918