As Somozas recupera o seu obradoiro de memoria para maiores de 60 anos

Manter a mente activa, favorecer a autonomía e crear espazos nos que compartir tempo con outras persoas son os principais obxectivos do novo obradoiro de memoria que organizará o Concello das Somozas para maiores de 60 anos.
A actividade desenvolverase entre o 14 de outubro e o 16 de decembro na Antiga Escola Unitaria da Igrexa, situada fronte á Casa do Concello. As sesións terán lugar os luns e mércores, de 15.15 a 16.45 horas.
O programa está pensado para traballar diferentes capacidades cognitivas mediante exercicios centrados na memoria, a atención e o razoamento. Ademais do adestramento mental, a iniciativa busca contribuír a manter a autonomía persoal e previr situacións de dependencia funcional.
O obradoiro terá tamén unha dimensión social. Un dos seus propósitos é ofrecer ás persoas participantes un espazo de encontro no que poidan relacionarse, fortalecer as súas redes de apoio e combater a soidade non desexada. O programa pretende así incidir tamén no benestar emocional e na autoestima das persoas maiores.
As persoas interesadas en participar poden inscribirse ata o 13 de outubro. Para facelo, deberán acudir presencialmente ao departamento de Servizos Sociais do Concello das Somozas ou chamar ao teléfono 881 042 066.
A actividade intégrase no programa 'As Somozas acompáñate', promovido polo Concello e cofinanciado pola Deputación da Coruña a través da liña de subvencións destinada a financiar actividades de envellecemento activo e iniciativas contra a soidade non desexada durante 2026.
Con esta nova edición, o Concello das Somozas dá continuidade a unha actividade que busca combinar o exercicio das capacidades cognitivas coa creación de vínculos sociais, especialmente importantes para as persoas maiores do municipio.