As Somozas reserva 12.000 euros para axudar ás familias cos gastos do novo curso escolar

FerrolXa
As familias poderán solicitar ata o 30 de setembro as axudas municipais para material educativo e desprazamentos de estudantes
SOMOZAS casa concello
29 Aug 2026

O inicio do curso escolar volverá contar co apoio do Concello das Somozas. O goberno municipal activou unha nova convocatoria de axudas para facilitar ás familias do municipio o financiamento dos gastos derivados da escolarización durante o curso 2026/2027.

A partida económica destinada a esta liña ascende a 12.000 euros e permitirá cubrir diferentes gastos relacionados coa educación, tanto de alumnado de infantil, primaria e secundaria como de estudantes de FP Básica, Bacharelato e ensinanzas universitarias.

Entre os conceptos que poderán recibir apoio figuran os libros escolares e de lectura, material funxible, mochilas, equipamento específico para alumnado con necesidades especiais, material informático e deportivo, así como determinados gastos vinculados aos desprazamentos dos estudantes.

As solicitudes poderán presentarse desde o 28 de agosto ata o 30 de setembro. Para acceder ás axudas será necesario cumprir os requisitos establecidos nas bases da convocatoria, entre eles que polo menos un dos proxenitores, titor ou titora do alumno estea empadroado no municipio das Somozas. Tamén se terá en conta a situación económica das unidades familiares.

A contía que poderá percibir cada beneficiario dependerá dos estudos que estea cursando, de acordo co establecido na convocatoria.

As bases están recollidas no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e a documentación necesaria pode consultarse e descargarse a través da sede electrónica municipal. As familias tamén poderán tramitar a solicitude presencialmente na Casa do Concello.

O alcalde das Somozas, Juan Alonso, destacou a continuidade desta iniciativa e sinalou que o obxectivo é contribuír a reducir o impacto económico que supón para os fogares o comezo de cada curso.

Desde o Concello defenden que este tipo de medidas permiten apoiar ás familias nun momento do ano no que se acumulan numerosos gastos e contribúen a favorecer que o alumnado conte cos recursos necesarios para afrontar a actividade educativa en igualdade de condicións.

0.081999063491821