ASPANEPS celebra os seus 45+1 anos de traxectoria acompañando a infancia, a mocidade e as súas familias en Ferrolterra

FerrolXa
A entidade reuniu en Afundación profesionais, familias e representantes institucionais para repasar a súa historia e abordar os retos da saúde mental infanto-xuvenil e da inclusión social
premio-aspaneps
16 Oct 2026

A asociación ASPANEPS celebrou o seu 45+1 aniversario nun encontro desenvolvido na sede de Afundación de Ferrol, no que profesionais, familias e representantes institucionais puxeron en valor a traxectoria dunha entidade que, desde 1980, acompaña a infancia e a mocidade con dificultades psicosociais, as persoas con discapacidade intelectual e as súas familias nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

A xornada contou coa participación da deputada de Política Social da Deputación da Coruña, Mar García Vidal, e da delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, quen destacaron a importancia do traballo desenvolvido por ASPANEPS e a colaboración entre as administracións públicas e as entidades sociais para mellorar a atención ás persoas e ás súas familias.

Mar García Vidal recoñeceu o compromiso dos pais e nais que impulsaron a asociación para dar resposta ás necesidades dos seus fillos e fillas, así como o labor do equipo profesional que ampliou e consolidou esa atención ao longo de máis de catro décadas. “Grazas por construír unha rede de apoio que acompaña tantas vidas”, sinalou.

A deputada puxo en valor o traballo de ASPANEPS na atención temperá, no acompañamento á infancia e á adolescencia e na promoción da autonomía persoal. Tamén destacou a importancia do apoio ás familias e da coordinación cos recursos educativos, sanitarios e sociais da contorna para ofrecer unha atención adaptada ás necesidades de cada persoa.

Durante a súa intervención, García Vidal lembrou a colaboración da Deputación da Coruña na adquisición dun vehículo para a entidade, que facilita os desprazamentos das persoas usuarias e a súa participación en actividades formativas, culturais e de inclusión. “Poder participar nunha actividade tamén forma parte da igualdade de oportunidades”, afirmou.

Así mesmo, incidiu na necesidade de proporcionar estabilidade ás entidades sociais para que poidan planificar o seu traballo e manter os seus programas. Neste sentido, defendeu a importancia das axudas da Deputación ás entidades sociais e de reforzar a coordinación entre administracións para garantir a continuidade da atención ás persoas usuarias e ás súas familias.

Pola súa banda, a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, destacou o labor de ASPANEPS a favor da saúde mental infanto-xuvenil e na atención a menores con problemas de aprendizaxe na comarca. Durante a apertura da xornada, defendeu a necesidade de traballar da man das entidades sociais, que achegan experiencia, coñecemento e unha relación directa coas persoas ás que atenden.

Aneiros subliñou a colaboración que ASPANEPS mantén desde hai anos co sistema sanitario público galego, converténdose nun “aliado imprescindible para mellorar a atención infanto-xuvenil e apoiar as familias”. Esta cooperación materialízase nun convenio anual.

A representante autonómica tamén se referiu ao Plan estratéxico de saúde mental 2026-2030, aprobado recentemente, como unha ferramenta clave para reforzar e modernizar a rede pública de saúde mental, “ofrecendo unha atención máis accesible, coordinada, comunitaria e centrada nas persoas”. Ao mesmo tempo, sinalou que aínda quedan retos por afrontar neste ámbito.

O encontro permitiu repasar a historia de ASPANEPS, analizar o traballo en rede coa comunidade e abordar os desafíos pendentes na atención á infancia e á mocidade e na inclusión social. A celebración deste 45+1 aniversario serviu así para recoñecer a traxectoria dunha entidade que continúa desempeñando un papel relevante no acompañamento ás persoas con dificultades psicosociais e ás súas familias nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

0.13752889633179