Barallobre retira máis dunha tonelada de residuos da praia de Maniños con apoio da Xunta

A Confraría de Pescadores de Barallobre está a desenvolver traballos de limpeza e retirada de residuos e arribazóns de algas na praia de Maniños, en Fene, co obxectivo de protexer o medio mariño e evitar posibles afeccións aos bancos marisqueiros da zona.
A iniciativa conta cunha achega de máis de 97.800 euros da Xunta para as anualidades 2026 e 2027, destinada a cubrir a adquisición de materiais e outros gastos derivados dos traballos. A actuación intégrase na liña de axudas da Consellería do Mar para proxectos destinados á protección e recuperación da biodiversidade mediante a retirada de residuos e acumulacións de algas.
Durante a xornada deste xoves participaron nas tarefas un total de 21 profesionais do marisqueo. Segundo os datos facilitados pola propia confraría, a intervención permitiu retirar 1.071 quilos de residuos acumulados na zona.
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, desprazouse ata Maniños para coñecer os traballos, acompañada pola directora territorial da Consellería do Mar, María José Cancelo, e polo patrón maior da Confraría de Pescadores de Barallobre, Jorge López.
A actuación busca manter en boas condicións o espazo litoral e, especialmente, evitar que os residuos e as algas acumuladas poidan afectar os bancos marisqueiros. A Xunta destaca neste sentido a importancia da conservación do medio mariño para unha actividade económica estreitamente vinculada ás rías galegas.
As axudas nas que se enmarca este proxecto están cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) e contan cun orzamento global superior aos 1,2 millóns de euros.