Besteiro reivindica en Ferrol a memoria democrática como defensa fronte ao avance da ultradereita

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, celebrou este luns en Ferrol a publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) da resolución que declara a cidade Lugar de Memoria Democrática. Durante un acto diante do muro do instituto de Canido, levantado sobre o antigo cemiterio civil onde foron fusiladas persoas represaliadas por defender a liberdade, Besteiro asegurou que os socialistas cumpriran o seu compromiso e definiu o recoñecemento como unha homenaxe á cidade e a quen loitou pola liberdade, a igualdade e os dereitos.
A declaración recoñece un total de 22 espazos relacionados coa represión franquista e a historia democrática de Ferrol. A resolución, asinada o 21 de outubro e publicada este luns, lembra que a sublevación militar triunfou na cidade o 22 de xullo de 1936, despois de tres días de resistencia, e deu paso a unha represión sistemática. Tamén recolle a tradición de loita obreira de Ferrol, desde as folgas da antiga Bazán ata os sucesos do 10 de marzo de 1972.
Besteiro lembrou que o procedemento se iniciou formalmente o 4 de novembro de 2025, despois dunha reunión mantida con entidades memorialistas na Casa do Pobo. O dirixente socialista vinculou o recoñecemento á Lei de Memoria Democrática, aprobada en 2022, e agradeceu o traballo das asociacións que impulsaron a declaración.
Durante a súa intervención, detívose nalgúns dos lugares incluídos no recoñecemento, como o castelo de San Felipe, que foi utilizado como prisión militar e centro de fusilamentos tras o golpe de Estado; o antigo estaleiro, hoxe Navantia; o monumento ao 10 de marzo de 1972 e o monólito dedicado a Pablo Iglesias, fundador do PSOE e nado en Ferrol.
Tamén fixo referencia ao antigo cemiterio de Canido, onde se atopaba o muro diante do que se celebrou o acto. Segundo recolle a resolución, o recinto conservou ata 1965 varias fosas comúns con arredor de 300 vítimas da represión entre 1936 e 1945. Xunto a el, no parque Antón Varela, atópase o memorial cos nomes de 904 persoas asasinadas pola ditadura nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.
O PSdeG vixiará que se sinalicen e conserven os espazos
A declaración implica a obriga de garantir a conservación e sinalización axeitada dos lugares recoñecidos. Besteiro sinalou que agora lle corresponde ao Concello e á Xunta asumir a súa parte para que a cidadanía coñeza estes espazos e o seu significado histórico. O secretario xeral do PSdeG asegurou que a súa formación estará vixiante para que se cumpran esas actuacións.
O dirixente defendeu que a memoria democrática é hoxe «máis importante ca nunca», tanto pola obriga de lembrar a quen perdeu a vida como pola necesidade de protexer as liberdades actuais. Neste sentido, advertiu de que «a ultradereita xa gobernou este país» e lembrou que foron necesarias décadas para recuperar a liberdade e superar as consecuencias da ditadura.
Besteiro concluíu que a memoria democrática non só permite facer xustiza co pasado, senón que constitúe unha ferramenta para protexer o presente e o futuro da democracia.
Besteiro pide priorizar as vítimas do accidente ferroviario de Toledo
Durante o encontro cos medios, o secretario xeral do PSdeG tamén foi preguntado por se o ministro de Transportes, Óscar Puente, debería dimitir tras o accidente ferroviario de Urda (Toledo). Besteiro evitou adiantar unha valoración sobre as responsabilidades políticas e defendeu que a prioridade debe ser atender as vítimas e as súas familias, unha tarefa que, segundo sinalou, terá que continuar durante os próximos días e meses.
A continuación, reclamou que se esclarezan as causas do sinistro mediante as investigacións independentes e xudiciais que xa están en marcha. O dirixente socialista defendeu que é necesario coñecer que fallou, que erros se puideron cometer e cales poderían terse evitado antes de esixir responsabilidades.
Besteiro considerou que o ministro debe comparecer e ofrecer explicacións públicas, sen eludir o debate nin obstaculizar as investigacións. Neste sentido, lembrou que Óscar Puente comparecerá este martes, por petición propia, ante a Deputación Permanente do Congreso. Unha vez se coñezan os resultados das investigacións, engadiu, será o momento de depurar as responsabilidades políticas e doutro tipo que correspondan.