Caamouco lembra os nove veciños que morreron no ciclón da Habana hai un século

FerrolXa
A Agrupación Instrutiva homenaxeou as vítimas da traxedia de 1926 e toda a emigración galega cunha placa, unha ofrenda floral e un acto de lembranza
ARES homenaxe caamouco victimas habana
12 Nov 2026

A memoria de quen emigrou a Cuba e nunca puido regresar estivo presente este sábado en Caamouco, onde a Agrupación Instrutiva organizou unha homenaxe con motivo do centenario do ciclón que devastou A Habana en outubro de 1926. O acto lembrou especialmente os nove veciños de Redes que perderon a vida naquela catástrofe, ademais de render tributo a todas as persoas que tiveron que abandonar Galicia e non volveron á súa terra.

A traxedia tivo un impacto especialmente doloroso nesta parroquia de Ares. O ciclón, que asolou o porto da Habana o 20 de outubro de 1926, acabou coa vida de nove emigrantes de Redes e deixou as súas familias nunha situación de desamparo. As campás da igrexa de Caamouco tocaron a morto durante cinco días como sinal de dó polos falecidos.

A conmemoración reuniu representantes de diferentes colectivos veciñais e sociais, entre eles a Asociación Veciñal de Caamouco, CaamoucoNET, o Club Marítimo de Redes, o Club de Tenis Redes, a Comisión de Festas Redes-Caamouco, a Comunidade de Augas de Redes e a Asociación Veciñal de Limodre. Tamén participaron o alcalde de Ares, Julio Iglesias, e a concelleira de Cultura, Alma Barrón.

Durante a cerimonia realizouse unha plantación simbólica de flores e descubriuse unha placa conmemorativa. A homenaxe incluíu un minuto de silencio polas vítimas, pechado con doce toques de campá, e as interpretacións dos himnos de Cuba e Galicia.

A xornada serviu tamén para recuperar a historia dunha emigración que marcou profundamente a vida da comarca. A propia Agrupación Instrutiva Redes y Caamouco naceu na Habana en 1911, impulsada por veciños emigrados que quixeron contribuír a mellorar a educación na súa parroquia de orixe. A súa iniciativa permitiu levantar a escola da Tenencia, inaugurada en 1915 e convertida hoxe nun espazo cultural.

Con esta homenaxe, Caamouco quixo manter viva a lembranza de quen perdeu a vida lonxe da casa e recoñecer a pegada de toda unha xeración de emigrantes na historia da localidade.

0.16576194763184