Cabanas incorpora un novo tractor cortacéspede para axilizar o mantemento das zonas verdes

FerrolXa
A máquina custou 17.998,75 euros e foi financiada nun 75 % cunha subvención da Xunta de Galicia
novo-tractor-Cabanas
10 Oct 2026

O Concello de Cabanas xa conta cun novo tractor cortacéspede que permitirá mellorar o mantemento dos espazos verdes e reducir o tempo necesario para realizar os traballos. A maquinaria destinarase, entre outras zonas, ao campo do Piñeiral e ao parque do Areal, onde ata agora cortar o céspede podía requirir un mínimo de dúas xornadas laborais cunha máquina de menor rendemento.

O novo equipamento dispón de dúas coitelas e ofrece unha maior velocidade de traballo, o que permitirá axilizar as tarefas de sega e optimizar os recursos municipais. Ademais, ao estar matriculado, poderá circular por estrada, polo que os operarios poderán desprazalo directamente ata as zonas de actuación sen necesidade de transportar a máquina en remolques pesados.

A adquisición supuxo un investimento de 17.998,75 euros, IVE incluído, financiado nun 75 % mediante unha subvención da Xunta de Galicia.

O alcalde de Cabanas, Fernando Couce, destacou o esforzo municipal para dotar os servizos locais de ferramentas que permitan mellorar o mantemento do municipio e realizar máis traballos en menos tempo.

O tractor cortacéspede súmase ao remolque hidrolavadora recibido nas últimas semanas. Estas incorporacións forman parte da renovación dos medios municipais realizada nos últimos meses, na que tamén se inclúen unha retroescavadora, unha furgoneta para obras, un vehículo para Servizos Sociais e unha zodiac para Protección Civil.

Segundo destaca o Concello, todos estes equipamentos contaron con subvencións para financiar a súa adquisición.

0.15626811981201