Cabanas licita por 582.000 euros a humanización dun tramo da avenida do Areal

O Concello de Cabanas licitou as obras de mellora dos servizos urbanos e humanización dun tramo da avenida do Areal, correspondente á N-651, por un importe total de 582.367,81 euros, IVE incluído. O proxecto contempla unha intervención integral nun tramo da estrada no que se detectaron problemas recorrentes na rede de saneamento.
Os traballos desenvolveranse desde aproximadamente 70 metros por riba do cruzamento de Tras da Vila ata 50 metros por debaixo da intersección da avenida do Areal coa Travesía do Oito, entre os puntos quilométricos 21+270 e 21+540.
Unha das principais actuacións será a renovación das tubaxes de saneamento, que presentan frecuentes roturas. O proxecto tamén inclúe o soterramento dos cables eléctricos, de iluminación e de telecomunicacións, co obxectivo de eliminar o cableado aéreo e mellorar a imaxe do ámbito.
A intervención permitirá ademais mellorar as condicións de mobilidade e accesibilidade. Para iso instalaranse novos pasos de peóns que facilitarán o cruzamento da estrada e renovarase o punto destinado ao cambio de sentido dos vehículos. As novas beirarrúas serán executadas con formigón desactivado.
180.000 euros achegados pola Deputación
O financiamento da actuación contará coa participación da Deputación da Coruña, que achegará 180.000 euros a través dun convenio. Os 402.367,81 euros restantes serán asumidos directamente polo Concello de Cabanas.
Pola súa banda, o Ministerio de Transportes, titular da estrada N-651, non achegará financiamento para esta actuación.
O alcalde de Cabanas, Fernando Couce, destacou a importancia da intervención e a necesidade de aproveitar os fondos que xa están comprometidos para evitar que se perdan. Ao mesmo tempo, sinalou que se trata dunha actuación parcial e reclamou a implicación doutras administracións para poder executar futuras fases.
Neste sentido, o rexedor considera necesario contar con financiamento da Deputación e do Ministerio de Transportes para continuar coa mellora deste tramo da estrada e asegura que esta demanda xa foi trasladada persoalmente aos responsables das distintas administracións.