Cabanas mellora o pantalán municipal da senda Entrepontes

O Concello de Cabanas está a levar a cabo nos últimos días diversas actuacións de mantemento e mellora no pantalán municipal situado na senda Entrepontes. Os traballos céntranse principalmente na revisión dos elementos de ancoraxe e fixación da infraestrutura, co obxectivo de garantir a súa seguridade e correcto funcionamento.
As accións inclúen a inspección e renovación de distintas pezas somerxidas, unha parte especialmente sensible ao desgaste debido á acción da auga salgada, que acelera o deterioro dos materiais. Deste xeito, o goberno local busca manter o pantalán en condicións óptimas para o seu uso.
Segundo informou o Concello, os traballos quedarán completados nos vindeiros días e supoñen un paso máis na posta en valor da senda Entrepontes. Esta contorna xa foi obxecto dunha actuación de renovación durante o ano 2024, executada grazas a unha subvención do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP), que permitiu incorporar melloras como a instalación de iluminación e un punto eléctrico para o Anduriño.
Por outra banda, o Concello lembra que, unha vez rematado o evento infantil celebrado na tarde deste venres, a programación das festas de Santa Marta continuará esta noite cunha sesión musical a partir das 23.00 horas a cargo dos DJ Adrián Gold, Wenry e Goro.