Cabanas prepara a limpeza dos ríos para reducir o risco de asolagamentos durante as choivas

FerrolXa
Augas de Galicia xa iniciou os traballos nos tramos non urbanos e o Concello actuará o vindeiro mes nas zonas da súa competencia
CABANAS rio
10 Sep 2026

Cabanas prepara novas actuacións de limpeza nos ríos e regos do municipio co obxectivo de previr posibles asolagamentos durante a próxima tempada de choivas. Os traballos repartiranse entre Augas de Galicia, responsable dos tramos non urbanos, e o Concello, que actuará nas zonas situadas dentro do ámbito urbano.

As primeiras intervencións xa están en marcha da man de Augas de Galicia, que está centrando os traballos na retirada de árbores e maleza acumuladas en diferentes puntos dos cursos fluviais. Estas tarefas buscan mellorar a capacidade de desaugue e evitar obstáculos que poidan dificultar a circulación da auga en episodios de precipitación intensa.

Pola súa banda, o Concello de Cabanas ten previsto realizar durante o vindeiro mes a limpeza dos tramos urbanos dos ríos e regos, nos que é a Administración competente. As actuacións concentraranse especialmente en puntos considerados de maior interese para favorecer o paso da auga.

A época actual resulta especialmente axeitada para executar estas intervencións debido ás condicións de caudal dos ríos, antes da chegada dos períodos de maiores precipitacións.

Antecedentes das actuacións

O Concello xa levou a cabo unha actuación semellante en setembro de 2024, unha intervención que contribuíu a reducir os problemas derivados dos desbordamentos en diferentes puntos do municipio.

Entre as zonas nas que se conseguiu minimizar este tipo de incidencias figura a contorna da ponte da AC-122, á altura de As Modias, así como a ponte situada en Entraleira.

A limpeza dos cursos fluviais cobra especial importancia nun municipio que afrontou episodios de fortes precipitacións durante os últimos invernos. As actuacións previstas pretenden manter libres de obstáculos os cauces e mellorar a resposta ante posibles aumentos do caudal.

0.11173295974731