Cariño estuda crear un museo da conserva nunha antiga nave do porto

FerrolXa
Portos de Galicia e o Concello analizarán vías de colaboración para recuperar un dos inmobles sen actividade e preservar o patrimonio vinculado á tradición conserveira
CARIÑO maritima xunta
1 Oct 2026

O Concello de Cariño e Portos de Galicia estudarán diferentes vías de colaboración para impulsar a creación dun museo da conserva nunha das antigas naves conserveiras do porto, actualmente en desuso.

A presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, e a alcaldesa de Cariño, Ana María López, mantiveron este mércores unha reunión na sede do ente público para abordar as posibilidades de colaboración entre ambas as administracións.

Durante o encontro, Botana trasladou a disposición de Portos de Galicia a colaborar, dentro das súas competencias, para recuperar un uso funcional para os inmobles que permanecen sen actividade no porto de Cariño.

A proposta municipal formula converter unha destas instalacións nun espazo dedicado a preservar e divulgar a tradición conserveira e o patrimonio inmaterial vinculado ás localidades mariñeiras.

Actuacións para evitar novos derrubamentos

Ademais do posible museo, ambas as administracións coincidiron na necesidade de actuar sobre o estado de conservación das antigas instalacións.

Segundo informou a Xunta, unha das naves xa sufriu o derrubamento de parte da súa cuberta, polo que consideran necesario executar traballos que permitan evitar novos danos e reducir os riscos ante a chegada dos temporais do vindeiro inverno.

A conservación destes inmobles preséntase así como un dos pasos previos para avanzar na definición do futuro uso das antigas naves conserveiras do porto de Cariño.

0.14235401153564