Case 200.000 euros para recuperar a conexión peonil coa praia da Magdalena

FerrolXa
A Deputación da Coruña achega o 80% do investimento para construír unha nova pasarela sobre o Belelle e renovar a senda peonil
DIPU CORU firma neda
21 Aug 2026

A conexión a pé entre o río Belelle e a praia da Magdalena contará cunha nova pasarela e cunha senda peonil renovada tras o acordo alcanzado entre a Deputación da Coruña e o Concello de Neda. A actuación supón un investimento de 199.959,07 euros, dos que a institución provincial achegará 159.967,26 euros, o 80% do total.

O convenio foi asinado este venres polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Neda, Ángel Alvariño, e permitirá recuperar un itinerario peonil que quedou interrompido en maio de 2024, cando colapsou a antiga pasarela de madeira sobre o río.

Desde aquela, as persoas que utilizaban este percorrido para desprazarse entre o paseo marítimo, a praia da Magdalena e o núcleo urbano tiveron que realizar un desvío polo centro da localidade e pola contorna da igrexa de Santa María.

A nova intervención pretende solucionar esta situación cunha estrutura máis resistente. O proxecto abandona o deseño anterior de madeira e aposta por perfís metálicos, cunha pasarela de 24 metros de longo que se apoiará nos estribos e nas cimentacións de formigón armado que xa existen no río.

Sobre a estrutura metálica colocarase unha tarima de madeira rañurada de alta durabilidade, ademais dunha nova varanda perimetral para mellorar as condicións do paso.

Tamén se renovarán cinco tramos da senda

As obras non se limitarán á pasarela. O proxecto inclúe tamén a revisión e renovación de cinco tramos da senda peonil que atravesa a xunqueira sobre pilotes de madeira.

Nestes puntos substituirase o taboado que presenta deterioro, instalaranse novos rastreis de apoio e aplicaranse tratamentos protectores sobre a superficie. O obxectivo é mellorar o estado do percorrido e reducir o risco de novos problemas estruturais.

Segundo o proxecto, os traballos terán un prazo estimado de seis semanas desde o seu inicio.

A actuación permitirá así recuperar un itinerario utilizado tanto pola veciñanza como por visitantes e persoas que percorren este tramo vinculado ao Camiño Inglés, ademais de mellorar a conexión peonil coa praia da Magdalena.

Durante a sinatura do convenio, González Formoso destacou que a intervención responde a unha petición do Concello e que permitirá recuperar a pasarela e incorporar unha senda peonil entre o río Belelle e a praia. Pola súa banda, o alcalde agradeceu o financiamento provincial e puxo en valor o apoio do Plan Único para executar infraestruturas municipais.

0.094933986663818