Case medio millón de euros para levar auga e renovar os viais de cinco núcleos en Fene

O Concello de Fene vén de sacar a licitación por 469.989,79 euros unha actuación integral para mellorar os servizos e os pavimentos en varios núcleos do municipio. O proxecto abrangue A Calzada, Arriba, O Revolto, Covelo e A Lagarteira e busca resolver carencias relacionadas co abastecemento de auga potable, o saneamento, a drenaxe e o estado dos viais.
As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 21 de outubro. Unha vez adxudicados os traballos e iniciadas as obras, o prazo previsto para a súa execución será de catro meses.
A actuación parte das necesidades detectadas nestes núcleos, situados nas proximidades da estrada DP-1503. Entre as principais intervencións está a extensión da rede municipal de abastecemento, xa que actualmente existen vivendas que non dispoñen de conexión á rede pública.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, sinala que o proxecto pretende ir máis alá da simple renovación dos camiños e aproveitar unha única obra para actuar sobre diferentes infraestruturas básicas.
Novas conexións á rede de auga
Unha das principais partidas será a ampliación da rede municipal de abastecemento de auga potable.
Na Calzada executarase un novo ramal conectado coa rede existente na DP-1503. Tamén se instalará unha nova condución para prestar servizo aos núcleos de Arriba, O Revolto e Covelo.
No caso de Covelo, as características do terreo e a presión insuficiente da rede xeral obrigarán a incorporar unha solución específica. O proxecto contempla un grupo de impulsión con dúas bombas e un depósito soterrado de 5 metros cúbicos, co obxectivo de garantir que a auga chegue ás vivendas co caudal e a presión necesarios.
Na Lagarteira tamén se construirá unha nova rede de abastecemento, con conexión á infraestrutura existente e un ramal secundario cara á zona de Orra.
Máis vivendas conectadas ao saneamento
O proxecto inclúe ademais a ampliación da rede de saneamento de augas residuais no Camiño de Arriba. A intervención permitirá conectar ao servizo municipal vivendas que actualmente non dispoñen desta infraestrutura.
A solución combinará tramos de condución por gravidade cun sistema de bombeo, debido ás características do terreo. As augas residuais serán conducidas ata un novo pozo de bombeo e, posteriormente, impulsadas ata a rede municipal existente.
A instalación contará con dúas electrobombas, equipamento hidráulico e eléctrico e un sistema de telecontrol mediante GSM/4G para enviar avisos en caso de incidencias no funcionamento.
Unha nova drenaxe para evitar o deterioro da Lagarteira
Outro dos puntos importantes da actuación estará no Camiño da Lagarteira, onde a circulación da auga superficial sobre a propia estrada provocou o deterioro progresivo do firme.
Para solucionar o problema, o proxecto contempla unha nova rede soterrada para recoller e canalizar as augas pluviais. Instalaranse tubaxes, pozos de rexistro e sumidoiros que conducirán a auga ata a rede existente.
O Concello pretende así actuar primeiro sobre a causa dos danos antes de renovar o pavimento, evitando que a escorrentía continúe afectando á estrutura do vial.
Renovación dos pavimentos
Unha vez completadas as novas redes soterradas, acometerase a rehabilitación de varios tramos dos viais afectados.
Está prevista a renovación integral de partes do Camiño de Arriba, O Covelo e A Lagarteira, así como dun vial auxiliar situado neste último núcleo. Nestes puntos colocaranse novos firmes de mestura bituminosa en quente.
Nos primeiros metros do Camiño de Arriba empregarase pavimento de formigón. Tamén se repoñerán as gabias que será necesario abrir para instalar as novas redes en diferentes puntos da Calzada, do Camiño de Arriba e do Camiño do Revolto.
Na Lagarteira, ademais, aproveitarase o espazo dispoñible dentro do dominio público municipal para mellorar a configuración do vial.
Unha obra para actuar sobre varias necesidades á vez
O Goberno local enmarca esta licitación no obxectivo de atender necesidades que permanecen pendentes en diferentes parroquias e priorizar obras capaces de mellorar simultaneamente os servizos básicos e os espazos públicos.
A actuación supón un investimento próximo aos 470.000 euros e combinará nun mesmo proxecto obras de abastecemento, saneamento, drenaxe e pavimentación nos cinco núcleos incluídos.