Case un terzo do orzamento municipal de Neda destinarase a políticas sociais en 2026

O Concello de Neda aprobou este luns, de forma inicial, o orzamento municipal para 2026, que ascende a 5.479.622 euros, un 8,6 % máis que o último documento orzamentario, correspondente ao exercicio 2024. As contas saíron adiante co apoio do grupo de goberno (PSOE), mentres que PP e Moveneda optaron pola abstención e o BNG votou en contra.
Un dos aspectos máis destacados do novo orzamento é o peso das políticas sociais, ás que o Concello destinará preto de 1,7 millóns de euros, o que representa aproximadamente un terzo do gasto total. Nesta partida inclúense servizos sociais, programas de emprego, conciliación, sanidade e educación.
Entre os principais investimentos figura o Servizo de Axuda no Fogar, que contará cunha dotación de 1.078.000 euros, e o mantemento e xestión da escola infantil municipal, ao que se destinan 187.000 euros. Ademais, Cultura e Deportes sumarán preto de medio millón de euros, incorporando tamén unha actualización das subvencións destinadas a entidades educativas, culturais e deportivas.
O orzamento contempla tamén 307.000 euros en investimentos reais, destinados principalmente ás actuacións incluídas no Plan de Obras e Servizos (POS) 2026, entre elas a reforma e adecuación do arquivo e o pintado da Casa da Cultura, así como a pavimentación da pista de Pontegrande. As contas inclúen tamén fondos para complementar unha subvención de Agader.
Segundo recolle a memoria da Alcaldía, o Concello decidiu manter conxelada a presión fiscal a pesar do incremento dos custos de prestación de servizos e da necesidade de licitar novos contratos públicos. Deste xeito, non se prevén subas de impostos, taxas nin prezos públicos, mantendo ademais as bonificacións existentes.
O goberno local xustificou o atraso na presentación do orzamento pola elevada carga de traballo, pola necesidade de dispoñer de datos económicos actualizados e pola aprobación previa do plan económico-financeiro elaborado tras o incumprimento da regra de gasto derivado das actuacións realizadas durante os problemas de abastecemento de auga rexistrados o pasado verán.
Tras a súa aprobación inicial, o documento someterase agora a información pública durante un prazo de 15 días, mediante a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia da Coruña.