Cedeira destina máis de 570.000 euros de remanentes a novas infraestruturas e equipamentos

FerrolXa
A modificación de crédito permitirá construír unha nova ponte sobre o río Condomiñas, adquirir a reitoral de San Román e financiar o Centro Municipal de Remo
CEDEIRA xenerica
25 Sep 2026

O Pleno do Concello de Cedeira aprobou na súa sesión ordinaria de setembro dúas modificacións de crédito que permitirán incorporar ao orzamento deste ano un total de 571.156,81 euros procedentes dos remanentes do exercicio anterior. Estes fondos destinaranse a diferentes actuacións e adquisicións previstas polo goberno local.

Os remanentes do pasado exercicio superaron os 1,3 millóns de euros, dos que agora se incorporan máis de 570.000 euros ás contas municipais para financiar investimentos como a nova ponte de madeira sobre o río Condomiñas, o Centro Municipal de Remo, a adquisición da reitoral de San Román e unha mini escavadora para os servizos municipais.

262.000 euros para a nova ponte do Condomiñas

A partida máis elevada dos novos investimentos será a destinada á construción dunha nova pasarela sobre o río Condomiñas, cunha consignación de 262.156,81 euros.

A actuación chega despois da demolición da antiga ponte de madeira, que tivo que ser contratada polo Concello tras determinar os técnicos do CIS Madeira que o estado de deterioro da estrutura era incompatible co seu mantemento.

A nova consignación permitirá avanzar agora na construción da infraestrutura que substituirá a antiga pasarela.

Compra da reitoral de San Román

Outro dos investimentos previstos é a adquisición do edificio da reitoral de San Román e da finca rústica na que se atopa. Para esta operación reservaranse 77.000 euros.

O Concello leva máis dun ano mantendo conversas coa Diocese de Mondoñedo-Ferrol, propietaria do inmoble, coa intención de pechar a compra. Segundo o goberno local, o obxectivo é converter o edificio nun espazo ao servizo da veciñanza da parroquia, con posibilidades de diferentes usos en función das necesidades que se vaian detectando.

A modificación de crédito tamén inclúe 30.000 euros para a compra dunha mini escavadora, que se incorporará aos medios do Servizo Municipal de Mantemento e Medio Ambiente.

202.000 euros para o Centro Municipal de Remo

O segundo expediente aprobado polo Pleno incorpora 202.000 euros para financiar a parte que corresponde ao Concello no proxecto do Centro Municipal de Remo.

A administración local conta cunha axuda do Fondo de Cooperación Local que cobre o 50% do orzamento necesario para executar o proxecto. Coa incorporación dos remanentes, o Concello asumirá o outro 50% do investimento previsto.

En conxunto, as dúas modificacións permiten mobilizar máis de medio millón de euros do remanente municipal para impulsar estas actuacións ao longo do actual exercicio.

0.11426091194153