Cedeira incorpora unha miniescavadora para reforzar a prevención dos incendios forestais

O Concello de Cedeira adxudicou por 53.119 euros o contrato de subministración dunha miniescavadora e dos seus implementos para reforzar os traballos municipais de prevención de incendios forestais. O contrato foi concedido á mellor das catro propostas presentadas e permitirá ampliar os medios dispoñibles para actuar en zonas de difícil acceso.
A adquisición conta con 30.000 euros de financiamento europeo procedentes do programa Galicia Feder, xestionados polo goberno municipal ante a Consellería de Presidencia. Os 23.119 euros restantes serán achegados polo Concello mediante a incorporación ao orzamento deste exercicio de remanentes do ano pasado.
A nova máquina incorporarase ao parque móbil municipal e poderá empregarse en tarefas como a apertura e o mantemento de faixas de biomasa, a limpeza de pistas, a conservación de drenaxes e o acondicionamento de accesos a puntos de auga. Entre as súas características destacan a versatilidade, o consumo optimizado de combustible e a capacidade para manobrar en espazos reducidos. Ademais, dispón de cadeas de goma para desprazarse sen danar os pavimentos e de distintos implementos que permiten realizar diferentes traballos.
A adquisición cobra especial importancia nun municipio no que o 60% da superficie é forestal e que conta con amplas zonas de monte público. Boa parte destes terreos presenta un relevo especialmente escarpado, como acontece na Serra da Capelada, o que dificulta as tarefas de mantemento e prevención.
Esta compra súmase a outros investimentos realizados nos últimos anos para ampliar o equipamento municipal. En 2021, o Concello adquiriu un tractor con brazo rozador e, en 2025, incorporou un camión con guindastre. Ambas as operacións supuxeron un investimento conxunto superior aos 221.000 euros e reforzaron a capacidade municipal para desenvolver traballos de prevención de incendios.