Cedeira ofrecerá cursos gratuítos de galego para preparar os exames oficiais do Celga

FerrolXa
As clases comezarán a mediados de outubro e haberá dous grupos de diferentes niveis para persoas maiores de 16 anos
CEDEIRA xenerica
27 Sep 2026

As persoas que queiran preparar as probas oficiais do Celga terán en Cedeira unha nova opción de formación gratuíta. O Concello organizará a partir de mediados de outubro dous cursos de galego adaptados a diferentes niveis de preparación, pensados especialmente para quen necesite acreditar os seus coñecementos da lingua.

As clases desenvolveranse os mércores pola tarde no segundo andar do Auditorio Municipal. Haberá dous grupos, un con horario de 17.00 a 19.00 horas e outro de 19.00 a 20.00 horas, en función do nivel do alumnado.

A iniciativa está orientada á preparación dos exames oficiais convocados pola Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, que permiten obter a correspondente certificación Celga.

Desde o Concello sinalan que o programa pretende facilitar o acceso á formación a persoas que aínda non dispoñen dunha certificación oficial de galego e que poidan necesitala para acceder a determinadas oportunidades laborais.

Os cursos estarán abertos a persoas maiores de 16 anos. As clases teñen previsto comezar a mediados de outubro, polo que as persoas interesadas xa poden solicitar a súa praza.

Para inscribirse, será necesario enviar un correo electrónico ao enderezo noel.lopez@cedeira.gal, indicando o interese en participar na formación.

0.086579084396362