Cedeira reivindica o papel das mulleres no Camiño a Teixido cun programa de actividades

FerrolXa
O Auditorio Municipal acollerá unha xornada o 28 de novembro, seguida dunha ruta guiada ata o santuario o día de Santo André e dunha exposición fotográfica no Museo Terras de Cedeira
CEDEIRA san andrés de teixido
23 Nov 2026

O papel das mulleres no Camiño a Santo André de Teixido será o protagonista dun programa de actividades que o Concello de Cedeira organizará entre o 28 de novembro e o 1 de decembro, coincidindo coa festividade de Santo André. A iniciativa incluirá unha xornada divulgativa, unha ruta a pé ata o santuario e unha exposición fotográfica sobre as mulleres vinculadas ao camiño.

A primeira cita será o sábado 28 de novembro, a partir das 11.00 horas, no Auditorio Municipal. A xornada contará coa participación de María Elvira Lezcano, profesora da Universidade da Coruña e autora da tese doutoral 'O Camiño a Santo André de Teixido: raíces históricas, xestión cultural e turismo', que abordará a figura das acolledoras do camiño.

Tamén intervirán as caldupeiras de Porto do Cabo, mulleres que tradicionalmente ofrecían unha cunca de caldo aos romeiros, e a fotógrafa cedeiresa Noelia Blanco, que presentará unha colección de imaxes dedicadas ás mulleres do camiño.

O programa continuará o luns 30 de novembro, día de Santo André, cunha ruta a pé desde Cedeira ata Teixido. A proposta municipal inclúe o acompañamento dun guía local e unha visita guiada ao núcleo e ao santuario unha vez chegada a expedición.

A actividade é gratuíta, pero as prazas son limitadas. As persoas interesadas poden inscribirse a través da web eufundevivo.com. A saída está prevista para as 9.00 horas.

Finalmente, o martes 1 de decembro abrirá no Museo Terras de Cedeira, situado no Palacete Municipal, a exposición 'Mulleres no Camiño', que reunirá as fotografías realizadas por Noelia Blanco.

0.12799286842346