Chegan os obradioiros gratuitos a Valdoviño para manter activa a memoria dos maiores

FerrolXa
A nova edición das sesións de estimulación cognitiva comenzarán en octubre e están dirixidas a persoas empadroadas de 65 anos en adiante
Imaxe recurso dun cerebro
9 Sep 2026

Manter a mente activa e reforzar capacidades como a memoria, a atención ou a concentración volverá ser o obxectivo dos obradoiros de estimulación cognitiva que se poñerán en marcha en Valdoviño. A nova edición comezará en outubro e está dirixida a veciños e veciñas empadroados no municipio de 65 anos en adiante.

A actividade será gratuíta e contará con sesións semanais en dous espazos. No local social de Meirás celebraranse os xoves ás 9.30 horas, mentres que o centro sociocomunitario de Valdoviño acollerá dúas quendas ese mesmo día, ás 11.00 e ás 12.00 horas.

Os obradoiros combinarán exercicios didácticos e actividades lúdicas para traballar diferentes capacidades cognitivas. Entre elas estarán a memoria, a percepción, a atención, a concentración e a linguaxe, ademais das funcións executivas.

Estas últimas inclúen habilidades importantes no día a día, como a resolución de problemas, o razoamento, a planificación e o control.

O animador sociocultural do Concello, Daniel Cartelle, será o encargado de dirixir as sesións, cunha metodoloxía pensada para que os participantes poidan exercitar estas capacidades dunha maneira entretida e participativa.

Ata o 18 de setembro para anotarse

O prazo de preinscrición xa está aberto e permanecerá dispoñible ata o vindeiro 18 de setembro. As persoas interesadas poderán realizar o trámite presencialmente na Casa da Cultura ou a través da sede electrónica do Concello.

Con esta iniciativa, o Concello mantén unha proposta de carácter gratuíto que ofrece ás persoas maiores un espazo semanal para exercitar a memoria e outras capacidades cognitivas, ademais de favorecer a actividade e a relación social.

0.11839294433594