Coidadores e traballadores do ámbito sociosanitario participan en Valdoviño nunha formación sobre demencias

Valdoviño acollía esta semana unha acción formativa dirixida a coidadores de persoas dependentes, e tamén, traballadores do ámbito sociosanitario. Promovida pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol da que forma parte o Concello de Valdoviño, a iniciativa dividiuse en dúas sesións de dúas horas impartidas por Afal Ferrolterra. Unha decea de veciños e veciñas tomaban parte no proxecto, que cada ano se celebra no municipio.
A primeira xornada tiña lugar o mércores, de carácter máis teórico. Nela tratáronse cuestións como a identificación de síntomas en persoas con deterioro cognitivo, as diferentes tipoloxías de demencias ou as fases do alzhéimer, pero tamén aqueles tratamentos non farmacolóxicos que contribúen a mellorar a calidade de vida das persoas afectadas e retardar o avance da enfermidade.
Na sesión desta mañá, de carácter eminentemente práctico, abordáronse mobilizacións e transferencias, a prevención de problemas circulatorios e cutáneos en persoas encamadas ou técnicas para facilitar a autonomía nas actividades básicas da vida diaria. Así, tras unhas pinceladas teóricas, as persoas participantes puideron poñer en práctica o aprendido.