Continúan as mobilizacións do persoal municipal para reclamar a aprobación da RPT e solucións para o SAF en Cariño

FerrolXa
O pleno aproba unha moción para solicitar un proceso de mediación e desbloquear a negociación da Relación de Postos de Traballo e do Servizo de Axuda no Fogar
CARIÑO folga empregados
7 Aug 2026

O persoal do Concello de Cariño mantén as mobilizacións para reclamar a negociación e aprobación da Relación de Postos de Traballo (RPT) e denunciar a situación que, segundo aseguran, atravesa o Servizo de Axuda no Fogar (SAF). A última protesta coincidiu coa celebración do pleno municipal, no que se aprobou unha moción de urxencia para intentar desbloquear ambos os conflitos.

A iniciativa foi presentada polos grupos municipais do BNG e do PSOE, xunto coa Asociación Veciñal do Concello de Cariño e co respaldo da representación sindical da CIG e de CCOO. O texto saíu adiante cos votos favorables de BNG e PSOE e a abstención do PP.

Na moción solicítase que a Mesa de Negociación impulse un proceso de mediación externa a través do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo (AGA), co obxectivo de retomar as negociacións da RPT e avanzar tamén na resolución dos problemas que afectan ao Servizo de Axuda no Fogar.

Segundo a representación sindical da CIG, a negociación da RPT permanece paralizada desde a última reunión da mesa, celebrada o pasado 8 de xuño. O sindicato lembra ademais que existe unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que obriga ao Concello a negociar e aprobar este documento, advertindo de posibles consecuencias en caso de incumprimento.

No relativo ao SAF, a moción sostén que o servizo atravesa unha situación 'insostíbel', denunciando que actualmente só tres das doce traballadoras estarían prestando servizo e que existen persoas usuarias que quedan sen atención. O texto tamén critica a falta de avances na negociación dos horarios do persoal, despois das sentenzas xudiciais que condenaron ao Concello por vulneración de dereitos fundamentais das traballadoras.

O pleno estivo marcado pola tensión entre os grupos políticos e o goberno municipal. Segundo a versión trasladada pola CIG, durante o debate a alcaldesa responsabilizou ás traballadoras e ao sindicato da situación actual, mentres que a organización sindical sostén que foi o Executivo local quen paralizou as negociacións.

O persoal municipal anunciou que continuará co calendario de mobilizacións ata que se retomen as negociacións e se avance na aprobación da Relación de Postos de Traballo e na procura dunha solución para o Servizo de Axuda no Fogar.c

0.091134071350098