Dez cestas de produtos locais premiarán as compras do Nadal no comercio de proximidade

Mercar nos negocios de proximidade de San Sadurniño durante as próximas festas do Nadal terá recompensa. O Concello prepara unha nova edición da campaña «Polo Nadal, consumo local», coa que sorteará dez lotes de produtos agroalimentarios de proximidade, valorados en 100 euros cada un, entre a clientela dos establecementos adheridos.
A iniciativa busca impulsar as compras no pequeno comercio e na hostalaría local. Como novidade, este ano todas as papeletas serán iguais, independentemente do importe da compra, e participarán nun único sorteo. Nas edicións anteriores utilizábanse rifas de distintas cores en función do gasto realizado.
Para participar, as persoas que fagan unha compra ou consumición nos negocios adheridos recibirán unha papeleta na que deberán escribir o seu nome, apelidos e un teléfono de contacto. Despois, terán que depositala na urna habilitada no propio establecemento. O sorteo celebrarase o 11 de xaneiro de 2027, ás 12:00 horas, no salón de plenos do Concello. Cada persoa poderá gañar un único lote.
Os premios estarán compostos por produtos de proximidade, entre eles conservas da Fusquenlla e artigos da marca de calidade KB0, vinculada ás producións do territorio do Xeoparque Cabo Ortegal. Con esta selección, o Concello pretende apoiar tamén as pequenas empresas agroalimentarias da comarca.
Os comercios, bares, restaurantes e outros establecementos interesados en participar deberán solicitar os talonarios de papeletas antes do 2 de decembro. Poden facelo chamando ao 616 332 919 ou escribindo ao correo agustin.perez@sansadurnino.gal.
A campaña está impulsada pola área municipal de Desenvolvemento Local e conta co apoio da Deputación da Coruña. A participación da clientela estará aberta durante o período comprendido entre o 12 de decembro e o 7 de xaneiro.