Divulgación científica, sendeirismo e observación do eclipse solar nunha xornada especial en Ortigueira

FerrolXa
O Concello organizará o 12 de agosto obradoiros gratuítos, unha ruta guiada á serra da Coriscada e a retransmisión en directo do fenómeno cos comentarios do meteorólogo Chema Sierra
GAFAS eclipse xenérica
9 Aug 2026

O Concello de Ortigueira, a través da Concellaría de Turismo, ten preparada unha completa programación de actividades para celebrar o eclipse solar do vindeiro 12 de agosto. A iniciativa está dirixida a todos os públicos e combina divulgación científica, turismo de natureza e actividades familiares para converter este acontecemento astronómico nunha experiencia participativa.

A xornada comezará pola mañá cunha serie de obradoiros científicos gratuítos que se desenvolverán entre as 11.00 e as 13.30 horas na carpa instalada na Alameda. As actividades adaptaranse ás diferentes idades: os nenos e nenas de 3 a 6 anos participarán en xogos de luces e sombras; os de 6 a 12 anos realizarán experimentos e construirán os seus propios anteollos de observación; mentres que os maiores de 12 anos elaborarán un modelo para comprender o funcionamento dos eclipses.

Todas as persoas participantes recibirán de balde unhas lentes homologadas para observar o eclipse con total seguridade.

O alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, destacou que o obxectivo da iniciativa é que a cidadanía poida vivir este fenómeno 'de forma participativa, educando ás novas xeracións e poñendo en valor a riqueza do noso entorno natural'.

Pola tarde, ás 17.30 horas, partirá unha ruta guiada de sendeirismo cara á serra da Coriscada. O percorrido permitirá descubrir diferentes xacementos neolíticos da zona antes de chegar a un punto privilexiado para contemplar o eclipse. As persoas participantes nesta actividade tamén recibirán lentes homologadas.

As inscricións tanto para os obradoiros como para a ruta poden realizarse na Oficina de Turismo ou a través do teléfono e WhatsApp 981 422 089.

Retransmisión en directo e exposición divulgativa

De forma paralela, o Concello instalará unha pantalla xigante na marquesiña da Alameda para seguir o eclipse en directo. A retransmisión comezará ás 16.30 horas con contidos divulgativos sobre o municipio e, a partir das 19.25 horas, contará cos comentarios en directo do xeógrafo e meteorólogo ortigueirés Chema Sierra, que explicará a evolución do fenómeno ata as 21.21 horas.

A asistencia a esta actividade será libre e gratuíta, sen necesidade de inscrición previa.

Como complemento á programación, continúa aberta ao público a exposición divulgativa 'Eclipses de Sol', que pode visitarse tanto no claustro da Casa do Concello como nos distintos centros sociais das parroquias.

0.093666076660156