Dous novos asfaltados mellorarán os accesos e a seguridade viaria en Cabanas

FerrolXa
As obras de Vilar do Colo e do vial entre Relousada e O Alto suman 113.911 euros e comezarán nos próximos días
CABANAS - FENE poligono vilar do colo
25 Sep 2026

Os accesos ao polígono empresarial de Vilar do Colo e o vial que conecta Relousada con O Alto serán obxecto de novas obras de mellora nos próximos días. As dúas actuacións suporán un investimento conxunto de 113.911,44 euros e permitirán renovar o firme de varios tramos viarios do municipio.

No caso de Vilar do Colo, os traballos incluirán a renovación completa do aglomerado no tramo de acceso ao parque empresarial desde a avenida de Laraxe, así como a canalización das augas. A actuación conta cun orzamento de 59.618,55 euros, IVE incluído, e está financiada nun 80% mediante unha achega da Xunta de Galicia.

A intervención responde tamén á necesidade de mellorar as condicións de circulación nun dos principais accesos ao parque empresarial. O Concello xa sinalara durante a licitación que a actuación pretendía reforzar a seguridade viaria e solucionar os problemas relacionados coa evacuación das augas.

Renovación do vial entre Relousada e O Alto

A segunda actuación permitirá renovar o aglomerado do camiño que une Relousada con O Alto, cun investimento de 54.292,89 euros, IVE incluído.

Neste caso, a obra conta cunha subvención de 44.870 euros da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER). O proxecto foi licitado polo Concello durante o mes de agosto, xunto coa actuación prevista no polígono de Vilar do Colo.

As dúas obras forman parte das actuacións municipais destinadas á renovación de camiños e infraestruturas viarias. O Concello considera que a mellora dos firmes permitirá facilitar os desprazamentos e mellorar as condicións de seguridade nas zonas afectadas.

Máis actuacións en marcha

Mentres se preparan estas dúas intervencións, tamén continúan outros traballos no municipio. No parque de Irís están en marcha as obras de pavimentación do espazo e renovación dos xogos infantís.

Ao mesmo tempo, avanzan as actuacións destinadas a mellorar a eficiencia enerxética da Casa Consistorial, unha intervención que permitirá renovar e poner a punto diferentes instalaciones e reducir o consumo asociado á calefacción e á climatización.

As novas obras viarias chegan así tras outras actuacións de mantemento realizadas este ano en diferentes puntos do municipio, dentro da planificación municipal para conservar e renovar a rede de camiños.

0.07781195640564