Dúas charlas en Neda abordarán o alzhéimer e os coidados ás persoas enfermas

FerrolXa
As sesións, impartidas por persoal técnico de Afal Ferrolterra, celebraranse os días 4 e 5 de novembro no centro cívico e requiren inscrición previa
formacion-coidados-dependentes
28 Oct 2026

O centro cívico de Neda acollerá os días 4 e 5 de novembro dúas charlas formativas sobre o alzhéimer e outras demencias, unha iniciativa promovida polo Concello con motivo do Día das Persoas Coidadoras. As sesións desenvolveranse de 11:00 a 13:00 horas e estarán dirixidas a familiares de persoas enfermas, coidadores e coidadoras non profesionais e calquera persoa interesada nesta temática.

A formación será impartida por persoal técnico de Afal Ferrolterra e combinará información sobre a enfermidade con orientacións prácticas para afrontar as necesidades das persoas afectadas e mellorar a atención que reciben.

A primeira xornada centrarase nos trastornos neurocognitivos dexenerativos máis frecuentes, con especial atención aos sinais de alerta do alzhéimer e ás distintas fases polas que pasa esta patoloxía. A sesión tamén afondará na importancia de detectar os primeiros síntomas para favorecer un diagnóstico temperán e traballar no mantemento da autonomía da persoa enferma durante o maior tempo posible.

A segunda charla terá un carácter eminentemente práctico e abordará a autonomía, a mobilización e a transferencia das persoas que se atopan nunha fase avanzada da enfermidade. Entre os contidos previstos figuran a hixiene postural e a correcta colocación do corpo tanto sentado como deitado, co obxectivo de previr lesións tanto na persoa coidada como no seu coidador ou coidadora.

A actividade conta co apoio da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol. Para participar é necesario inscribirse previamente chamando ao teléfono 981 370 692 ou enviando un correo electrónico a mariagarcia@alzheimerferrolterra.com.

0.17289614677429