Dúas docentes eumesas, nominadas a Mellor Docente de España 2026

Dúas profesoras naturais de Pontedeume foron nominadas aos Premios Educa Abanca á Mellor Docente de España 2026, un recoñecemento de ámbito estatal que distingue cada ano o labor dos profesionais do ensino nas diferentes etapas educativas.
Trátase de Diana López, docente no CEIP Os Casais de Fene, e de Alma Cendán, profesora no Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño de Ferrol. Ambas forman parte da listaxe provisional de persoas candidatas nesta décima edición, despois de seren propostas por alumnado e familias, un requisito imprescindible para optar a estes premios.
Os Premios Educa Abanca naceron co obxectivo de dignificar e poñer en valor a figura do profesorado, visibilizando aquelas prácticas educativas que destacan pola súa dedicación, innovación e capacidade para influír de maneira positiva na formación do alumnado. A diferenza doutros galardóns, son os propios estudantes ou as súas familias quen presentan as candidaturas, acompañándoas dunha memoria na que explican os motivos polos que consideran que un docente merece este recoñecemento.
Unha vez pechado o prazo de presentación de candidaturas, un comité de avaliación analiza todas as propostas recibidas e selecciona as persoas finalistas de cada categoría educativa. Os gañadores daranse a coñecer nunha gala na que participan docentes de toda España.
A presenza de Diana López e Alma Cendán entre as persoas nominadas volve situar a comarca de Ferrolterra e Eume entre as candidaturas destes premios nacionais, considerados un dos principais recoñecementos á excelencia docente no ámbito educativo español.