Dúas instalacións deportivas de Ferrol afrontarán obras por máis de 435.000 euros

O pavillón polideportivo de Santa Mariña e a Casa do Deporte de Caranza serán obxecto dunha importante renovación despois de que a Xunta de Goberno Local adxudicase as obras por un importe conxunto de 435.087,08 euros.
As actuacións forman parte do proxecto estratéxico Cidade do Deporte, unha folla de ruta que contempla un investimento global de 18 millóns de euros para mellorar e ampliar as infraestruturas deportivas de Ferrol.
O obxectivo das dúas intervencións é mellorar as condicións de uso das instalacións e adaptalas ás necesidades dos clubs, entidades e deportistas que utilizan estes espazos.
Máis de 246.000 euros para o pavillón de Santa Mariña
As obras do pavillón de Santa Mariña foron adxudicadas por 246.944,18 euros e terán un prazo de execución de catro meses.
Unha das principais actuacións será a reparación da cuberta do edificio principal. Para iso substituiranse os paneis translúcidos deteriorados e revisarase e limparase a canle principal. Tamén se renovará por completo a cuberta dos almacéns utilizados pola asociación veciñal, debido ao estado de deterioro da estrutura e do revestimento.
A pista deportiva recibirá igualmente unha actuación integral, coa aplicación dun novo revestimento e o repintado das liñas de xogo.
O proxecto contempla ademais a substitución de varios elementos deteriorados, entre eles cristais rotos, portas interiores e a porta exterior da fronte sur. O actual portalón enrolable será substituído por un novo sistema automático con lamas de aluminio.
Novas medidas de accesibilidade e seguridade
As obras tamén permitirán mellorar a accesibilidade do pavillón. Construirase unha nova rampla de acceso aos aseos e realizaranse diferentes traballos de mantemento no interior.
Entre eles figura o pintado dos pórticos metálicos, a substitución de placas deterioradas do falso teito nas zonas de servizo e a renovación da sinalización de emerxencia e evacuación para adaptala á normativa vixente. Tamén se instalarán novos extintores e renovarase o sistema de iluminación de emerxencia. A nova instalación ampliará a súa cobertura ata a zona da pista deportiva mediante novas luminarias.
A empresa adxudicataria contará ademais cun prazo de garantía de seis anos, cinco máis que o mínimo dun ano establecido nos pregos.
A Casa do Deporte renovará a súa cuberta
Na Casa do Deporte de Caranza, a actuación foi adxudicada por 188.142,90 euros. Neste caso, o prazo de execución será de oito meses e a garantía tamén se amplía ata os seis anos.
As obras centraranse principalmente en solucionar problemas relacionados coa cuberta, as humidades, a iluminación, a ventilación da pista e a accesibilidade.
A intervención contempla a renovación integral da cuberta lixeira actual. Retiraranse as chapas existentes e os lucernarios, cuxa configuración contribúe a xerar problemas de condensación e goteos sobre a pista. No seu lugar instalarase unha nova cuberta adaptada ao uso deportivo, co obxectivo de mellorar o comportamento térmico do edificio e reducir a aparición de condensacións.
Tamén se renovarán as canles perimetrais e as baixantes para mellorar a recollida e evacuación da auga da chuvia.
Novas luminarias e sistema de ventilación
A pista deportiva contará con novas luminarias LED de altas prestacións, mentres que o sistema de ventilación será substituído por equipos de impulsión e extracción destinados a favorecer a renovación do aire e controlar a humidade relativa do interior.
A actuación incluirá ademais unha rampla accesible de conexión coa pista, co obxectivo de mellorar o itinerario e adaptar as instalacións á normativa vixente.
Un plan deportivo de 18 millóns de euros
As dúas actuacións intégranse na Cidade do Deporte, un proxecto que mobilizará 18 millóns de euros para transformar diferentes espazos e instalacións deportivas de Ferrol.
Dentro desta estratexia xa se atopan en marcha outras actuacións, como a reurbanización do antigo recinto de FIMO, a creación da cidade náutica da Cabana ou as obras nos campos de fútbol da Gándara.