Dúas ofrendas florais lembran en Valdoviño as vítimas da Guerra Civil e da ditadura franquista

O Concello de Valdoviño e a Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática realizaron este martes dúas ofrendas florais en lembranza das vítimas do golpe militar, a Guerra Civil e a ditadura franquista. As homenaxes tiveron lugar na praia da Frouxeira e en Pantín, en dous actos sinxelos celebrados no mes no que se conmemora a aprobación da Lei de Memoria Democrática.
A primeira ofrenda desenvolveuse na praia da Frouxeira, no camiño tradicional de entrada ao areal. Segundo os testemuños de persoas que traballaron na praia e no mar, neste lugar terían sido fusilados Porto Leis, último alcalde republicano de Serantes, e os seus compañeiros.
A homenaxe trasladouse tamén a Pantín, onde se depositaron flores aos pés da placa instalada en 2005 en memoria dos mestres represaliados en 1936. Nela figuran os nomes de Frutos Burgos Ramos, de Pantín; Reinaldo Sarria Delgado, de Aviño; José Ambrós Gordillo, de Porto do Cabo; Manuel López González, de Atios, e Joaquín Pérez Garre, de Vilaboa.
Os actos celebráronse poucos días antes de que o pleno municipal someta a aprobación o regulamento do Consello Sectorial da Memoria Democrática do Concello de Valdoviño. A aprobación deste documento será o paso previo para a creación e posta en marcha deste órgano.