Especialistas en psicoloxía, xustiza e intervención social analizarán a violencia machista nunha xornada en Ares o 3 de decembro

FerrolXa
O encontro incluirá relatorios sobre as respostas á violencia, a reacción patriarcal e a avaliación forense, ademais dunha mesa con profesionais que traballan con mulleres superviventes e unha conferencia musical aberta ao público
ARES xornada 25n
29 Nov 2026

A violencia machista desde diferentes perspectivas, desde a atención psicolóxica ás vítimas ata o seu abordaxe xudicial e a intervención social, centrará unha xornada de formación e reflexión que se celebrará o vindeiro xoves 3 de decembro. O encontro, organizado polo Concello de Ares coa colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta, reunirá especialistas de distintos ámbitos e combinará relatorios, análise de experiencias profesionais e unha proposta musical aberta a toda a cidadanía.

A programación comezará ás 9.30 horas coa recepción das persoas participantes. Quince minutos despois terá lugar a inauguración institucional, na que intervirán o alcalde, Julio Iglesias Redondo; a concelleira de Benestar e Igualdade, María Victoria Montenegro Paz, e Manuela Vilaboy, xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno na Coruña, que tamén exercerá como presentadora e moderadora.

O primeiro bloque abordará as respostas psicolóxicas e sociais fronte ás violencias machistas. De 10.00 a 11.30 horas, o psicólogo clínico, psicoterapeuta e supervisor clínico e institucional Javier Aznar ofrecerá o relatorio 'Resistir na oscuridade. Dignidade e sentido nas respostas á violencia'. Tras unha pausa para o café, de 11.30 a 12.00 horas, a politóloga Priscila Retamozo Ramos analizará como traballar en igualdade nun contexto de reacción patriarcal. Retamozo conta cun mestrado en Igualdade e Xénero, é cofundadora de PRISMA Igualdade e activista feminista, ademais de coordinadora de Comando Igualdade.

A mañá concluirá cunha sesión dedicada ás unidades de avaliación forense integral ante as violencias contra as mulleres e ao valor da proba pericial. A intervención, prevista entre as 13.15 e as 14.30 horas, correrá a cargo de Berta Rodríguez, médica forense encargada de violencia de xénero na Subdirección do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA).

Pola tarde, despois dunha pausa de 14.30 a 16.00 horas, o programa dará protagonismo ás experiencias de intervención con mulleres superviventes. A mesa 'Escoitando as súas Voces', prevista ata as 17.30 horas, reunirá catro profesionais vinculadas a distintos proxectos e entidades. Participarán Montse Fajardo, de Invisibles, licenciada en Ciencias Políticas e da Administración e especializada en memoria histórica e feminismo; Beatriz López, investigadora predoutoral especializada en políticas públicas contra as violencias machistas en Arabías; Noelia Darriba, educadora social e facilitadora de Terapia de Reencontro na cooperativa AtalaiaS, tamén vinculada a Arabías, e Paula Sánchez, psicóloga sanitaria especializada en violencias machistas e integrante de Fiadeiras.

A continuación, de 17.30 a 18.45 horas, a maxistrada da Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra María Belén Rubido abordará a violencia vicaria e a protección de nenos, nenas e adolescentes fronte á violencia de xénero.

O peche terá un formato diferente. A partir das 18.45 horas celebrarase a conferencia musical 'Amor, control e violencia: o que din as cancións', aberta a todo o público. A psicóloga divulgadora Emma Placer Noriega poñerá a voz e o pianista Sergio Gramary acompañará a intervención musical, coa que se abordarán as relacións afectivas, as dinámicas de control e as distintas formas de violencia.

A inscrición para participar na xornada é gratuíta e pode formalizarse mediante o código QR do cartel ou a través da ligazón habilitada pola organización.

0.14677405357361