Fene crea os seus primeiros 'Faladoiros' para converter as rúas en espazos de encontro e convivencia

FerrolXa
O Concello estrea na Avenida Naturais de Fene unha iniciativa que busca recuperar pequenos recunchos urbanos para favorecer a conversa, o descanso e a vida comunitaria
FENE faladoiro
7 Aug 2026

O Concello de Fene puxo en marcha o primeiro 'Faladoiro', un novo espazo urbano pensado para fomentar o encontro, a convivencia e a relación entre a veciñanza. A iniciativa, impulsada desde a área de Igualdade, pretende transformar pequenos recunchos do municipio en lugares cómodos onde facer unha pausa, conversar ou simplemente desfrutar da contorna.

O primeiro destes espazos está situado na Avenida Naturais de Fene, nunha zona de paso habitual. O Concello destaca que a súa localización, xunto coa presenza de sombra e mobiliario urbano adaptado, busca crear un ambiente agradable e accesible para persoas de todas as idades.

A actuación enmárcase na estratexia municipal para promover un urbanismo máis humano, recuperando espazos públicos que favorezan as relacións sociais e a convivencia. Ademais, os 'Faladoiros' incorporan elementos identificativos vinculados á promoción da igualdade, reforzando a mensaxe que o Concello pretende trasladar tamén a través do deseño dos espazos públicos.

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, explicou que o proxecto nace coa intención de que rúas e prazas deixen de ser unicamente lugares de paso para converterse tamén en espazos onde a cidadanía poida sentarse, descansar e compartir tempo coa veciñanza.

O Goberno local prevé ampliar progresivamente esta iniciativa a outras zonas e parroquias do municipio, adaptando cada novo 'Faladoiro' ás características da súa contorna. O obxectivo é crear unha rede de pequenos espazos de convivencia que contribúan a mellorar a calidade dos espazos públicos e fortalecer a vida comunitaria.

0.098458051681519