Fene investirá máis de 368.000 euros en renovar os servizos e pavimentos de cinco núcleos

FerrolXa
As obras mellorarán o abastecemento de auga na Lagarteira, A Calzada, Arriba, O Revolto e Covelo, ampliarán a rede de saneamento e solucionarán os problemas de drenaxe nalgúns viais
FENE obras
7 Nov 2026

A Lagarteira, A Calzada, Arriba, O Revolto e Covelo contarán con melloras nas redes de abastecemento de auga, saneamento e drenaxe, ademais da renovación de varios camiños. O Concello de Fene avanza na contratación dun proxecto cun investimento de 368.611,83 euros máis IVE, que terá un prazo de execución de catro meses.

A actuación permitirá estender a rede municipal de abastecemento de auga potable aos cinco núcleos, onde as características do terreo e a falta de presión nalgúns puntos fan necesario instalar sistemas específicos de impulsión para garantir o caudal necesario nas vivendas.

Os traballos tamén incluirán a ampliación da rede de saneamento no Camiño de Arriba, para conectar vivendas que actualmente non dispoñen deste servizo. Para iso combinaranse conducións por gravidade cun sistema de bombeo que permitirá levar as augas residuais ata a rede municipal existente.

Unha vez instaladas as novas infraestruturas soterradas, renovarase o firme en diferentes tramos do Camiño de Arriba, O Covelo e A Lagarteira, así como nun vial auxiliar desta última zona.

Unha solución aos problemas de drenaxe na Lagarteira

Unha parte importante do proxecto centrarase no Camiño da Lagarteira, onde a auga da chuvia discorre pola propia superficie do vial e arrastra materiais, provocando o deterioro do firme.

Para evitar que o problema se repita, instalarase primeiro unha nova rede soterrada de drenaxe de augas pluviais, con colectores, pozos de rexistro e sumidoiros que recollerán a escorrentía e a conducirán ata a rede existente. Unha vez resolta a evacuación da auga, renovarase o pavimento, aproveitando a largura dispoñible dentro do dominio público municipal e mantendo a rasante actual.

A alcaldesa, Sandra Permuy, subliñou que a intervención busca solucionar primeiro as causas do deterioro dos camiños antes de renovar os pavimentos. O proxecto partía dun orzamento de 469.989,79 euros e a proposta de adxudicación sitúase nos 368.611,83 euros máis IVE. O expediente continúa agora a súa tramitación antes do inicio das obras.

0.36463689804077