Ferrol adxudica por máis de 1,1 millóns de euros as obras para abrir Caranza ao mar

FerrolXa
A intervención contempla unha reorganización integral do ámbito, con melloras na mobilidade peonil e ciclista, nos accesos desde o tecido urbano e nos espazos
caranza-ferrol
17 Oct 2026

O Concello de Ferrol adxudicou á empresa Prace, Servicios y Obras SA os traballos correspondentes á fase 3A do proxecto Abrir Ferrol ao Mar en Caranza, por un importe de 1.112.768,93 euros e cun prazo de execución de 13 meses. A previsión municipal é que as primeiras actuacións poidan comezar antes de que remate o ano.

A Xunta de Goberno local aprobou tamén a adxudicación dos servizos de coordinación integral e dirección de obra a Proyfe SL, por 32.428 euros, e de coordinación de seguridade e saúde a Ingeniería y Prevención de Riesgos SL, por 6.776 euros.

O proxecto busca transformar o bordo litoral de Caranza, recuperar espazo público para a cidadanía e mellorar a conexión entre o barrio, a cidade e o mar. O alcalde, José Manuel Rey Varela, destacou que esta actuación supón un novo paso para facer realidade unha das grandes transformacións urbanas que Ferrol necesita e subliñou a intención de gañar espazos públicos de calidade e integrar cada vez máis o mar na vida da cidade.

A intervención contempla unha reorganización integral do ámbito, con melloras na mobilidade peonil e ciclista, nos accesos desde o tecido urbano e nos espazos destinados á estancia, ao lecer e á convivencia. Tamén se reordenarán os percorridos do bordo costeiro e se acondicionarán os accesos cara a Caranza e aos equipamentos próximos, co obxectivo de facilitar desprazamentos máis seguros, cómodos e accesibles.

O tramo do Camiño Inglés que discorre por esta zona será rehabilitado para mellorar a súa accesibilidade e integración paisaxística. Entre este percorrido e a avenida do Mar crearase un gran espazo multifuncional que contará con zonas de xogos infantís con pavimento continuo de caucho reciclado, áreas recreativas e deportivas, espazos de descanso e unha zona multiusos que poderá funcionar como miradoiro e auditorio ao aire libre.

A actuación permitirá tamén mellorar a mobilidade e o estacionamento no barrio coa creación de 74 novas prazas: 24 na rúa Fonte da Greza e 50 na contorna das rúas Telleiras e 5. Tres destas últimas estarán reservadas para persoas con mobilidade reducida.

Ademais, renovarase o aparcamento situado detrás do auditorio Álvaro Lamas, que dispón de 52 prazas. Os traballos incluirán a mellora do pavimento, da sinalización e da ordenación do espazo.

As obras enmárcanse no convenio de colaboración entre o Concello de Ferrol e a Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia para fomentar a mobilidade sostible na fachada marítima e portuaria da cidade. A actuación estará cofinanciada nun 50 % pola Axencia Galega de Infraestruturas.

0.61114811897278