Ferrol destina máis de 165.000 euros para o aglomerado de varios camiños en San Xurxo

FerrolXa
O Goberno local dá resposta así a unha demanda histórica da veciñanza do rural coa mellora de varias vías que presentan un avanzado estado de deterioración
estrada-via-camino-san-xurxo-ferrol
18 Oct 2026

O Concello de Ferrol continúa avanzando na mellora das infraestruturas viarias do rural cun investimento superior aos 165.000 euros para o aglomerado e a pavimentación de varios camiños en Trasouteiro, en San Xurxo, incluída no Plan Provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal POS+ Adicional 2/2025 (2ª Fase).

Trátase de actuacións que responden ás demandas trasladadas pola veciñanza e que teñen como obxectivo mellorar a seguridade viaria, facilitar a mobilidade e garantir unhas condicións de circulación adecuadas, afirmou o alcalde, José Manuel Rey Varela.

Así a Xunta de Goberno Local deu luz verde ao expediente de contratación das obras de aglomerado de varios camiños no núcleo de Trasouteiro, cun orzamento máximo de 165.265,72 euros e un prazo de execución de tres meses.

A actuación abrangue tres vías: o camiño das Bicudas-Castrillón, que presenta numerosas fochancas, fisuras e perda da capa de rodadura; o ramal de Aguiriz, actualmente en terra e con problemas de accesibilidade, especialmente en épocas de choiva; e o camiño Aguiriz-Fontás, tamén sen pavimentar e con deficiencias de regularidade e drenaxe.

Os traballos permitirán rehabilitar estes accesos, mellorar as condicións de circulación e facilitar os desprazamentos diarios das persoas residentes e usuarias destas vías.

0.13062214851379