Ferrol en Común alerta da gravidade da situación do encoro das Forcadas e reclama medidas a Augas de Galicia

FerrolXa
O grupo municipal considera que a activación dun segundo canal de captación evidencia a falta de actuacións preventivas e pide reparar as fugas da rede e revisar o canon que pagan as grandes industrias
VALDOVIÑO forcadas sequía
11 Nov 2026

Ferrol en Común advertiu da situación do abastecemento de auga en Ferrol e na súa área de influencia e cualificou de 'extrema gravidade' o estado do encoro das Forcadas. Tras a Xunta de Voceiros celebrada este martes, a formación reclamou medidas urxentes a Augas de Galicia e considerou que as actuacións anunciadas chegan tarde.

O grupo municipal lembra que xa a principios do verán advertira ao Goberno local do PP da necesidade de adoptar medidas excepcionais. A activación dun segundo canal de captación, motivada polo baixo volume de auga no encoro, confirma, ao seu xuízo, a dimensión do problema.

Segundo os datos trasladados pola formación, nos días sen choiva o encoro perde un 0,4 % do seu volume, mentres que nas xornadas con precipitacións a baixada se sitúa arredor do 0,2 %.

Máis alá das medidas de emerxencia, Ferrol en Común apunta a dous problemas estruturais: as perdas de auga na rede, que atribúe a fugas e a un mantemento deficiente, e o aumento da demanda industrial pola maior actividade das empresas nos últimos anos.

Para facer fronte a esta situación, a formación reclama un protocolo de actuación a curto e medio prazo que permita reparar de inmediato as fugas da rede. Tamén propón revisar o canon que pagan as grandes industrias polo abastecemento, ao considerar que o seu consumo é un dos factores que contribúen á presión sobre os recursos hídricos.

Ferrol en Común pide, ademais, que Augas de Galicia asuma un papel activo nos investimentos necesarios, ao considerar que dispón dunha maior capacidade orzamentaria e recadatoria. A formación rexeita que o custo das actuacións recaia sobre a veciñanza dos concellos afectados e atribúe a situación á 'neglixencia da entidade autonómica'.

0.1591649055481