Ferrol en Común alerta dos danos que as talas de madeira están a provocar nos viais municipais

FerrolXa
O grupo municipal denuncia a falta de control sobre o paso de camións pesados e reclama unha ordenanza específica para regular estas actividades
FERROL camion madeira
1 Sep 2026

Ferrol en Común denuncia o deterioro que, segundo asegura, están a sufrir diferentes estradas e pistas municipais debido aos traballos de tala e transporte de madeira que se están realizando no rural de Ferrol.

A formación asegura que recibiu queixas de veciños e veciñas por actuacións que, ao seu xuízo, estarían incumprindo as limitacións de tonelaxe establecidas en diferentes viais municipais. Entre as zonas sinaladas polo grupo están a contorna da Feira do Dous, en Serantes, e o Camiño da Chamosa, en Brión.

Ferrol en Común critica a falta dunha resposta por parte do Goberno local e considera que as autorizacións concedidas pola Xunta para determinadas actuacións forestais non deberían utilizarse para evitar as restricións de peso existentes nas estradas municipais.

Camións de ata 44 toneladas en vías limitadas a 15

Segundo denuncia a formación, existen viais nos que o límite de peso está establecido en 15 toneladas, mentres que estarían circulando camións de transporte de madeira que poden alcanzar as 44 toneladas.

Ferrol en Común lembra que anteriormente as operacións de carga se realizaban mediante vehículos de menor tamaño ata os puntos autorizados, unha práctica que, segundo o grupo, contribuía a reducir o impacto sobre as pistas municipais.

A formación pon como exemplo a estrada que une Brión e Valón, que foi asfaltada hai aproximadamente un ano e que, segundo denuncia, xa presenta importantes desperfectos.

Reclaman unha ordenanza específica

Ferrol en Común considera necesario establecer un sistema de control que permita determinar os danos ocasionados e identificar aos responsables. Por iso, reclama ao Goberno local que impulse unha campaña de inspección e que retome a elaboración dunha ordenanza municipal específica para regular os traballos de tala e transporte de madeira.

A proposta do grupo municipal inclúe que as autorizacións incorporen unha memoria dos traballos previstos, un reportaxe fotográfico do estado dos viais antes e despois das actuacións e un réxime sancionador para os casos de incumprimento.

Ferrol en Común defende que estas medidas permitirían compatibilizar a actividade forestal co mantemento das infraestruturas municipais e evitar que o custo dos posibles danos recaia sobre as arcas públicas.

0.11742305755615