Ferrol en Común denuncia a falta de transparencia nas políticas municipais de xuventude

FerrolXa
Entre as principais demandas sitúa a creación dun espazo propio no que os mozos e mozas poidan compartir experiencias, informarse e participar en actividades de ocio
mozos-xuventude-recurso-xenerica
15 Oct 2026

Ferrol en Común denuncia a falta de información e planificación do goberno municipal nas políticas dirixidas á mocidade e reclama unha programación estable na Casa da Xuventude, así como medidas que dean resposta ás necesidades específicas dos mozos e mozas de Ferrol.

A formación lembra que o Pleno municipal aprobou por unanimidade, en febreiro de 2024, unha moción presentada polo seu grupo para situar as necesidades da xuventude entre as prioridades das políticas públicas locais. A iniciativa reclamaba unha liña de traballo transversal baseada nas demandas da mocidade ferrolá e o impulso de actuacións en ámbitos como a vivenda, o emprego, a formación, a saúde emocional, a participación, o asociacionismo, o deporte, o ocio e a cultura.

Porén, Ferrol en Común considera que o goberno local continúa sen ofrecer a resposta que precisa a mocidade. Entre as principais demandas sitúa a creación dun espazo propio no que os mozos e mozas poidan compartir experiencias, informarse e participar en actividades de ocio dirixido, ademais de contar cun lugar de lecer libre.

A formación considera que a Casa da Xuventude debería cumprir esa función e asegura que leva reclamándoo desde a chegada do Partido Popular ao goberno municipal. «Ferrol non pode ter unha Casa da Xuventude pechada e sen actividade», sostén.

Segundo denuncia o grupo municipal, tres anos despois segue sen existir persoal laboral específico para xestionar este espazo, unha praza que tampouco estaría incluída na nova relación de postos de traballo (RPT). Esta situación, sinala, impide dispoñer dunha programación estable e dunha política centrada especificamente nas demandas e necesidades da mocidade. A formación lembra tamén que o concelleiro responsable da área anunciou a elaboración dun plan anual específico que, segundo afirma, nunca chegou a materializarse.

Ferrol en Común asegura que tivo coñecemento a través dos medios de comunicación dunha actividade que se desenvolverá na Casa da Xuventude tres venres ao mes, en horario de tarde, ata xuño. A iniciativa, promovida por unha entidade, contempla a creación dun grupo motor xuvenil.

Na comisión informativa correspondente, o grupo municipal cuestionou a falta de información sobre o procedemento e as características da contratación e solicitou que se lle facilite a documentación. A formación considera relevante coñecer estes detalles, xa que en 2025 se contratou unha empresa privada para dinamizar a Casa da Xuventude mediante a súa apertura un día á semana e a organización de encontros previos coa mocidade. Porén, denuncia que, unha vez rematado aquel contrato, non houbo continuidade, malia que esta fora anunciada.

A formación tamén cuestiona que unha concellería que, ao seu xuízo, presenta importantes necesidades sen cubrir destine orzamento a unha actividade como o Pavofest. Aínda que afirma estar de acordo coa súa realización, considera que o financiamento debería proceder da Concellería de Cultura, tanto polo carácter interxeracional da iniciativa como polo maior orzamento desta área.

Ferrol en Común reclama así unha maior transparencia na xestión das políticas de xuventude, unha planificación continuada e recursos específicos que permitan dar resposta ás necesidades da mocidade ferrolá.

0.11152911186218