Ferrol en Común reclama medidas máis contundentes ante a seca dos encoros e ríos da comarca

Ferrol en Común considera insuficientes as medidas adoptadas para facer fronte á situación de seca que afecta os encoros e ríos da comarca. A formación cuestiona a resposta de Augas de Galicia, que decretou a situación de prealerta e que, ao seu xuízo, está a abordar un problema estrutural con actuacións puntuais, centradas na concienciación cidadá e no control dos caudais.
A organización entende que a situación require medidas máis contundentes, como a prohibición de encher piscinas, limitar os baldeos innecesarios ou establecer cortes puntuais de subministración se fose preciso. Ferrol en Común considera que a comarca debería estar xa nun escenario de alerta, tendo en conta as previsións climatolóxicas e a necesidade de aplicar tratamentos máis agresivos para potabilizar a auga.
Segundo advirte a formación, estes procesos poden provocar un maior consumo de auga, unha perda de calidade e un incremento dos custos do abastecemento.
Un plan para anticiparse ás futuras secas
Ante a previsión de que os episodios de escaseza de precipitacións se repitan nos vindeiros anos, Ferrol en Común reclama a elaboración dun plan de actuación a curto e medio prazo que permita anticiparse aos períodos de seca, en lugar de limitarse a aplicar medidas paliativas cando o problema xa está presente.
Entre as propostas presentadas figura o reforzo do control das perdas de auga na rede de abastecemento. A formación sinala especialmente a fuga histórica da tubaxe da Ponte das Pías, ademais doutras avarías de menor entidade repartidas polo sistema. Tamén defende a substitución das canalizacións de fibrocemento.
Outra das actuacións que propón é estudar a recuperación de antigos sistemas de abastecemento que quedaron en desuso, como o do Belelle, desenvolvido no seu día pola Armada e actualmente inutilizado na maior parte das súas instalacións.
Melloras no encoro das Forcadas
A formación tamén pon o foco no encoro das Forcadas, onde considera necesario optimizar os recursos hídricos mediante tarefas de limpeza, dragaxe e acondicionamento. Segundo apunta, os baixos niveis de ocupación empeoran notablemente a calidade da auga.
Por último, Ferrol en Común pide revisar o plan de desaugamentos das Forcadas para adaptalo a un escenario no que a escaseza de choivas podería converterse nun fenómeno recorrente nos próximos anos.