Ferrol mobilízase contra o fascismo e o racismo tras os ataques sufridos pola Cruz Vermella

FerrolXa
A manifestación deste venres partirá ás 19.00 horas da rúa Dolores e rematará na praza de España baixo o lema 'Fascismo nunca máis'
FERROL concentración cruz vermella
7 Oct 2026

As recentes agresións sufridas pola Cruz Vermella levarán este venres ás rúas de Ferrol unha mobilización contra o fascismo, o racismo e a violencia. A manifestación, convocada por organizacións políticas, sindicais e sociais da cidade, contará co apoio de Ferrol en Común e partirá ás 19.00 horas da sede da Cruz Vermella, na rúa Dolores.

A protesta rematará diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia, na praza de España, e desenvolverase baixo o lema 'Fascismo nunca máis', cun chamamento á defensa dunha sociedade democrática, plural e libre de odio e discriminación.

A convocatoria chega despois de varios ataques contra a Cruz Vermella nas últimas semanas. Nun primeiro episodio apareceron pintadas de carácter racista, xenófobo e machista na súa sede. Posteriormente, unha das furgonetas da entidade sufriu a rotura dun cristal e apareceu cunha esvástica pintada.

Os feitos xeraron preocupación entre diferentes colectivos da cidade, que consideran necesario responder de maneira pública ante a reiteración de actos deste tipo. A mobilización pretende precisamente trasladar unha mensaxe de rexeitamento ás expresións de odio e defender a convivencia.

Ferrol en Común destacou especialmente o labor que desenvolve a Cruz Vermella coa poboación en situación de vulnerabilidade, así como os seus programas de acompañamento e atención social. A formación trasladou a súa solidariedade ás persoas que forman parte da entidade e reclamou que os ataques sexan investigados.

Desde FeC consideran tamén necesaria unha resposta que combine a protección das persoas e entidades afectadas cunha posición institucional e social firme en defensa dos dereitos e das liberdades.

A manifestación foi acordada nun encontro no que participaron diferentes organizacións políticas, sindicatos, entidades sociais e cidadanía. A convocatoria queda así aberta á participación de todas aquelas persoas que queiran expresar o seu rexeitamento ao racismo, á xenofobia e á violencia.

0.1113178730011