"Ferrol terá voz directa no Parlamento", valora o PSOE local a candidatura de Julián Reina

FerrolXa
O secretario xeral, Ángel Mato, salientou o peso do socialismo ferrolán na configuración das listas para as eleccións xerais, nas que tamén figura o exconcelleiro Manuel Santiago
FERROL psoe julian reina
15 Oct 2026

A Agrupación Socialista de Ferrol contará con dous representantes nas candidaturas ás eleccións xerais do vindeiro 29 de novembro. Tal como acordou onte o Comité provincial, Julián Reina Villalón ocupará o número 2 da lista ao Congreso dos Deputados e Manuel Santiago Pérez será suplente na candidatura ao Senado.

O secretario xeral, Ángel Mato, mostrou hoxe a súa satisfacción pola designación de Reina, algo que, “ademais da súa valía, mostra tamén o peso do socialismo ferrolán dentro do partido”. Ademais, referiuse ao alcance futuro desa designación. “Na Agrupación valoramos moito a posibilidade de ter representación propia nas Cortes Xerais, pero valoramos moito máis o feito de que Ferrol contará cun deputado que defenderá os intereses da cidade por enriba de todo. Ferrol terá voz directa no Parlamento”, salientou.

Julián Reina Villalón (Málaga, 1984) é portavoz da Executiva local e secretario de formación e urbanismo. Concelleiro desde 2019, durante o goberno de Ángel Mato foi responsable de Urbanismo e Contratación, entre outras áreas.

Mato celebrou tamén a inclusión de Manuel Santiago na lista para a Cámara Alta. “Non só ten unha traxectoria longa e destacada tanto no partido coma no ámbito sindical. O seu compromiso compróbase co traballo constante que desenvolve na Executiva local”, sinalou sobre quen, na actualidade, ocupa a secretaría de acción electoral e función pública e, entre 2007 e 2011 coincidiu como concelleiro co propio Mato durante o mandato do alcalde Vicente Irisarri.

Ambas designacións estaban incluídas na proposta que a Executiva provincial do PSdeG trasladou ao Comité. Do órgano de dirección forman parte o secretario de organización ferrolán, Rafael Fernández Beceiro; a secretaria de política municipal, Natividad González Laso, e os propios Reina e Santiago. No Comité provincial, a Agrupación Socialista de Ferrol conta con 12 membros, co seu secretario xeral á cabeza.

0.15518403053284